A calidade en eTwinning

De Formación - eTwinning Galicia
Revisión feita o 19 de agosto de 2021 ás 19:24 por Carmen (Conversa | contribucións)

Introdución

Unha vez que decidimos desenvolver un proxecto eTwinning, está ben que, xa desde a fase inicial de planificación do mesmo, pensemos en como desenvolvelo conforme aos criterios de calidade.

Cando o noso proxecto estea na súa fase final, poderemos pensar en solicitar un primeiro recoñecemento, o Selo de Calidade Nacional. Neste caso, o noso proxecto vai ser avaliado seguindo unha grella que recolle cinco criterios de calidade. Esta forma de avaliación é común a todos os países participantes en eTwinning. Por tanto, é algo que podemos comentar cos nosos socios e socias xa desde as primeiras conversacións que teñamos para poñer en marcha o noso proxecto.

Os cinco criterios de calidade en eTwinning son os seguintes:

  • Innovación pedagóxica e creatividade.
  • Integración curricular.
  • Colaboración entre centros escolares asociados.
  • Uso da tecnoloxía.
  • Resultados, impacto e documentación.

Innovación pedagóxica e creatividade

Obxectivos do proxecto

  • Os obxectivos do noso proxecto deben ser pertinentes e estar claramente relacionados co tema, contidos e actividades do mesmo.
  • Para conseguir establecer uns obxectivos específicos, pertinentes e alcanzables, teremos en conta a idade do noso alumnado, o seu contexto de aprendizaxe, os recursos cos que contamos no noso centro e o noso plan de traballo.
  • A plataforma eTwinning permítenos unha total liberdade á hora de establecer a duración do proxecto. Pode ser que esteamos a deseñalo para todo o curso escolar, ou ben para un tempo máis breve, dun ou dous trimestres. Os obxectivos han de axustarse ao tempo de duración do noso proxecto.
  • Unha vez establecidos os nosos obxectivos, determinaremos na fase de avaliación, o proceso para medir o seu grao de consecución. Volveremos sobre este punto cando tratemos o último criterio de calidade.


Enfoques pedagóxicos e propostas didácticas

  • O noso plan de proxecto debe incluír actividades diversas, con diferentes enfoques metodolóxicos.
  • As actividades deben propiciar a autonomía do alumnado, atendendo á súa idade. Temos que buscar que adopten un papel o máis activo posible.
  • Podemos ofrecer ao alumnado a oportunidade de tomar decisións sobre diversos aspectos do proxecto: a idea, o enfoque e desenvolvemento desa idea, diferentes ferramentas TIC para desenvolver unha mesma actividade, diferentes ferramentas TIC para presentar o produto final, etc.
  • As actividades deben fomentar a colaboración e a interacción entre o noso alumnado e co alumnado socio mediante a formación de equipos internacionais mixtos.
  • Documentaremos as decisións que vaia tomando o alumnado, deixando constancia delas no Twinspace. Podemos usar, por exemplo, foros creados ao efecto, ou ben páxinas do Twinspace onde apareza visible a ferramenta TIC que permitiu ao alumnado tomar decisións: un panel colaborativo, Twinboards, un Tricider, unha enquisa, etc.