A calidade en eTwinning

De Formación - eTwinning Galicia
Revisión feita o 13 de novembro de 2021 ás 22:32 por Carmen (Conversa | contribucións) (Regulamento Xeral de Protección de datos (RXPD) e dereitos de autor)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)

Unha vez que decidimos desenvolver un proxecto eTwinning, está ben que, xa desde a fase inicial de planificación do mesmo, pensemos en como desenvolvelo conforme aos criterios de calidade.

Cando o noso proxecto estea na súa fase final, poderemos pensar en solicitar un primeiro recoñecemento, o Selo de Calidade Nacional. Neste caso, o noso proxecto vai ser avaliado seguindo unha grella que recolle cinco criterios de calidade. Esta forma de avaliación é común a todos os países participantes en eTwinning. Por tanto, é algo que podemos comentar cos nosos socios e socias xa desde as primeiras conversacións que teñamos para poñer en marcha o noso proxecto.

Os cinco criterios de calidade en eTwinning son os seguintes:

  • Innovación pedagóxica e creatividade.
  • Integración curricular.
  • Colaboración entre centros escolares asociados.
  • Uso da tecnoloxía.
  • Resultados, impacto e documentación.

Innovación pedagóxica e creatividade

Obxectivos do proxecto

  • Os obxectivos do noso proxecto deben ser pertinentes e estar claramente relacionados co tema, contidos e actividades do mesmo.
  • Para conseguir establecer uns obxectivos específicos, pertinentes e alcanzables, teremos en conta a idade do noso alumnado, o seu contexto de aprendizaxe, os recursos cos que contamos no noso centro e o noso plan de traballo.
  • A plataforma eTwinning permítenos unha total liberdade á hora de establecer a duración do proxecto. Pode ser que esteamos a deseñalo para todo o curso escolar, ou ben para un tempo máis breve, dun ou dous trimestres. Os obxectivos han de axustarse ao tempo de duración do noso proxecto.
  • Unha vez establecidos os nosos obxectivos, determinaremos na fase de avaliación, o proceso para medir o seu grao de consecución. Volveremos sobre este punto cando tratemos o último criterio de calidade.


Enfoques pedagóxicos e propostas didácticas

  • O noso plan de proxecto debe incluír actividades diversas, con diferentes enfoques metodolóxicos.
  • As actividades deben propiciar a autonomía do alumnado, atendendo á súa idade. Temos que buscar que adopten un papel o máis activo posible.
  • Podemos ofrecer ao alumnado a oportunidade de tomar decisións sobre diversos aspectos do proxecto: a idea, o enfoque e desenvolvemento desa idea, diferentes ferramentas TIC para desenvolver unha mesma actividade, diferentes ferramentas TIC para presentar o produto final, etc.
  • As actividades deben fomentar a colaboración e a interacción entre o noso alumnado e co alumnado socio mediante a formación de equipos internacionais mixtos.
  • Documentaremos as decisións que vaia tomando o alumnado, deixando constancia delas no Twinspace. Podemos usar, por exemplo, foros creados ao efecto, ou ben páxinas do Twinspace onde apareza visible a ferramenta TIC que permitiu ao alumnado tomar decisións: un panel colaborativo, Twinboards, un Tricider, unha enquisa, etc.


Integración curricular

Integración curricular nunha ou varias materias

  • O noso proxecto debe incluír obxectivos e contidos curriculares que consten nas programacións da materia ou diversas materias coas que estamos a traballar.
  • Podemos, xa desde a fase inicial de planificación, crear un documento que reflicta, de modo claro e máis ou menos extenso, a integración curricular do proxecto eTwinning.
  • A creación dunha páxina no Twinspace dedicada á integración curricular, permitirá aos docentes implicados compartir os seus documentos con información sobre este tema.
  • O traballo en proxectos eTwinning podería estar recollido na nosa programación didáctica e tamén en diferentes documentos do centro escolar.


Enfoque multidisciplinar

  • Á hora de desenvolver un proxecto eTwinning poderiamos pensar en formar un equipo de traballo no noso centro escolar con algún compañeiro ou compañeira doutra materia.
  • Sería enriquecedor traballar no noso proxecto desde varias materias nos diferentes centros escolares socios, favorecendo dese xeito o enfoque multidisciplinar.
  • Este enfoque multidisciplinar permite ao alumnado integrar coñecementos dun xeito transversal., favorecendo a súa aprendizaxe. Igualmente, o profesorado implicado estará nun proceso de formación permanente grazas á colaboración multidisciplinar cos socios e socias.
  • O deseño das actividades do proxecto permitirá o desenvolvemento curricular de diferentes materias implicadas.


Competencias clave e habilidades

  • O traballo en colaboración con eTwinning leva emparellada a mellora na adquisición de, alomenos, as competencias dixital, comunicativa e social.
  • Reflectiremos nos obxectivos do noso proxecto a procura do progreso na adquisición daquelas competencias clave que van desenvolverse coas actividades deseñadas.
  • Podemos dedicar unha parte do plan de traballo do proxecto a describir a contribución de cada actividade na mellora na adquisición de unha ou varias competencias clave.
  • Dentro do proceso de avaliación, que trataremos no último punto, podemos dedicarlle un apartado á avaliación da mellora no desenvolvemento das competencias clave traballadas no noso proxecto.


Colaboración entre centros escolares asociados

Estratexias de coordinación entre docentes

  • O plan de traballo do proxecto, que teremos deseñado xunto cos nosos socios e socias na fase previa do mesmo, aparecerá publicado nunha páxina do Twinspace.
  • Dado que a elaboración deste plan de traballo é colaborativa e dado que o plan de traballo é un documento vivo que vai ser revisado segundo se vaia desenvolvendo o proxecto, podemos empregar ferramentas colaborativas como un documento de Google.
  • Este plan de traballo, ou ben outro documento que tamén publicaremos, debe contemplar o reparto de tarefas entre os socios e socias do proxecto.
  • Documentaremos as reunións de xestión e supervisión do proxecto, habitualmente por videoconferencia ao estar os docentes en varios países. Deixaremos imaxes e algún dato delas nunha páxina do Twinspace creada con este fin.
  • Documentaremos os diferentes medios que vaiamos utilizando para a coordinación do profesorado do proxecto: taboleiro de docentes do Twinspace, mensaxería, etc.


Estratexias de colaboración entre estudantes

  • Este é un punto fundamental na calidade dun proxecto eTwinning. Unha avaliación entre 0 e 1 sobre 5 puntos no apartado de colaboración entre estudantes, faría que o noso proxecto non acadase o Selo, aínda que estivese moi ben cualificado en case todos os subepígrafes da grela para a obtención do Selo de Calidade.
  • A clave para lograr unha verdadeira colaboración é a creación de grupos de traballo de nacionalidade mixta. Neste punto hai que ter en conta que a idade e autonomía do alumnado debe permitilo. De non ser así, a colaboración entre estudantes produciríase coa intermediación das e dos docentes.
  • É aconsellable favorecer a iniciativa do noso alumnado á hora de formar eses equipos de nacionalidade mixta. Podemos ofrecerlle ferramentas de decisión para que se agrupen mediante, por exemplo, xogos, ou ben partindo de afinidades que eles mesmos atopen a partires das actividades de presentación de alumnado e que poden comentar, por exemplo, en foros do Twinspace creados ao efecto.
  • As videoconferencias de alumnado, ligadas a diferentes momentos e actividades do proxecto, favorecen a comunicación, a interacción e mesmo a colaboración no desenvolvemento dos produtos finais.
  • O Twinspace ofrece ferramentas para a comunicación, interacción e colaboración do alumnado, tales como os foros e as reunións en liña: chat e videoconferencia.
  • Tanto no caso de levar a cabo chats como videoconferencias, os documentaremos tomando algunha imaxe que publicaremos xuntamente con datos das reunións de alumnado nunha páxina do Twinspace dedicada a este tema.
  • Trataremos algunhas ferramentas dixitais que permiten o traballo colaborativo de estudantes no punto dedicado á elección e o uso das TIC.


Creación de produtos comúns

  • Cando deseñamos o noso proxecto establecemos cales serán os produtos finais. Cada unha das actividades levadas a cabo no proxecto supoñen un paso para chegar a algún dos produtos finais. As actividades están pensadas para desenvolverse de modo colaborativo entre o alumnado dos centros asociados. Na medida que o permiten a idade e a autonomía do alumnado, o traballo vaise ir desenvolvendo en equipos internacionais mixtos. Polo tanto, eses produtos finais teñen que reflectir o proceso de creación colaborativa entre alumnado de países socios.
  • Os produtos finais non deben ser resultado do traballo en paralelo nos diversos centros escolares e non deben ser obra dun único centro escolar.


Uso da tecnoloxía

Elección e uso das TIC

  • O catálogo de ferramentas TIC que usemos no noso proxecto vén dado tanto polo tipo de actividades deseñadas como pola idade e autonomía do alumnado.
  • Cada unha das actividades propostas vai acompañada dunha ou varias ferramentas dixitais para a súa execución. Na medida do posible, buscaremos propiciar a autonomía do alumnado. Por exemplo, deixando que elixan entre más dunha ferramenta para a mesma actividade, ou mesmo favorecendo que o alumnado propoña algunha ferramenta que coñeza e que sexa axeitada para a actividade.
  • Na páxina do Twinspace )onde explicamos a actividade a desenvolver podemos incluír un breve titorial para explicar o uso da ferramenta dixital a empregar.
  • A páxina do Twinspace coa actividade proposta pode incluír unha ligazón activa á ferramenta para que o alumnado acceda e traballe de forma autónoma.
  • Buscaremos fomentar a creatividade do alumnado á hora de traballar coas ferramentas dixitais.


Xestión do espazo de traballo (Twinspace ou similar)

  • O máis habitual é que o espazo de traballo sexa o Twinspace. Este é un espazo web seguro, con acceso mediante usuario e contrasinal, no que organizar, compartir e difundir os contidos e os produtos de traballo e que nos permite decidir se deixamos as súa páxinas como públicas ou como privadas.
  • No caso de usar outro espazo de traballo, como unha wiki, unha web ou un blog, teriamos que intentar aplicar os mesmos principios que caracterizan a xestión do Twinspace.
  • Todos os participantes do proxecto, tanto alumnado como profesorado, deben acceder ao espazo de traballo. No caso de que a idade ou autonomía do alumnado así o requiran, este acceso estará mediado polo profesorado.
  • O Twinspace, ou o espazo de traballo elixido, ten que estar ben organizado, de xeito que permita seguir con facilidade tanto o desenvolvemento do proxecto como os produtos finais.
  • Os docentes, no desenvolvemento do proxecto, poden aproveitarse das ferramentas do TwinSpace que facilitan a comunicación, colaboración e interacción dos participantes. Polo tanto, é necesario que todos os integrantes do proxecto coñezan as funcionalidades do Twinspace.
  • O profesorado creará perfís para os seus estudantes, se a idade e a autonomía o permiten, e, ademais, de ser o caso, perfís de invitados ou invitadas para membros do equipo directivo, familias, etc.
  • Segundo a idade e autonomía do alumnado, os docentes poderían crear perfís de alumnos e alumnas administradores. O alumnado con perfil de administrador ou administradora tería máis opcións que as do alumnado membro: crear páxinas, subir imaxes, vídeos e arquivos e crear carpetas e álbums, crear posts no diario de proxecto, crear fíos nun foro.


Regulamento Xeral de Protección de datos (RXPD) e dereitos de autor

  • Este é un punto fundamental na calidade dun proxecto eTwinning. Unha avaliación entre 0 e 1 sobre 5 puntos no apartado de RXPD e dereitos de autor faría que o noso proxecto non acadase o Selo, aínda que estivese moi ben cualificado en case todos os subepígrafes da grela para a obtención do Selo de Calidade.
  • Nunca debemos facer visibles imaxes recoñecibles do alumnado xunto cos seus datos (datos persoais, preferencias, etc.). Isto afecta a calquera espazo do TwinSpace, pero hai que ter en conta que todo o que compartamos no diario de proxecto é sempre de acceso público por defecto.
  • Debemos permanecer atentos para non permitir comportamentos inadecuados.
  • Non debemos fomentar o uso de canles de comunicación persoais como parte do proxecto: correo electrónico, redes sociais e contas de mensaxeira do alumnado.
  • Nunca se pode desenvolver o traballo en contornas nas que os estudantes estean expostos a interferencias externas indesexables como publicidade, comentarios de terceiros, etc.
  • Non empregaremos materiais que estean amparados por licencias de dereitos de autor que non se cumpren ou se recollen de fontes que non se citan.
  • As normas sobre uso de imaxes de menores poden ser diferentes en cada país socio. Independentemente de ter asinados polas familias os permisos de imaxe requiridos, procuraremos que nas imaxes que publiquemos non resulte recoñecible o alumnado.
  • Podemos crear colaborativamente unha netiqueta que recolla as normas de conduta para o noso proxecto e publicala no Twinspace.
  • Podemos crear algunha páxina no Twinspace con contidos sobre o respecto aos dereitos de autor. Alí proporcionaremos ligazóns a repositorios con recursos libres de dereitos.
  • Podemos crear algunha páxina no Twinspace con contidos sobre seguridade en Internet. E tamén incluir algunha actividade do proxecto sobre este tema, por exemplo ao fío do Día da Internet segura que se celebra no mes de febreiro.
  • Distinguiremos, segundo os seus contidos, que páxinas do Twinspace deixaremos como públicas ou como privadas.

Resultados, impacto e documentación

Consecución dos obxectivos fixados

  • O proceso de avaliación do noso proxecto deberá medir se acadamos os obectivos do proxecto e se creamos os produtos finais esperados.
  • Debemos documentar unha análise estruturada sobre a consecución dos obxectivos. Isto podería formar parte da análise dos resultados da avaliación que trataremos no seguinte punto.


Avaliación do proxecto

  • O noso plan de avaliación do proxecto pode contemplar os seguintes aspectos:
    • avaliación da consecución dos obxectivos do proxecto
    • avaliación do grao de mellora nos obxectivos e contidos curriculares contemplados no proxecto
    • avaliación do grao de mellora na adquisición das competencias clave traballadas
    • avaliación das diferentes actividades desenvolvidas
    • avaliación da colaboración entre os centros socios
    • avaliación do uso de ferramentas TIC
  • A avaliación pode contemplar o impacto do proxecto noutras materias, no centro escolar, na comunidade educativa, etc.
  • O plan de avaliación pode fixar unha avaliación inicial para algúns aspectos, por exemplo as competencias clave ou os coñecementos previos sobre o tema.
  • A avaliación debe ter momentos intermedios ademais do momento final para que a súa acción retroalimentadora poda ir mellorando o proprio proxecto, o seu desenvolvemento e os produtos derivados do mesmo.
  • Os instrumentos de avaliación empregados adaptaranse á idade e autonomía do alumnado. Podemos empregar:
    • enquisas elaboradas con ferramentas como cuestionarios de Google, Mentimeter, Survey Monkey, Kahoot, etc.
    • muros colaborativos para que alumnado e profesorado exprese a súa opinión sobre o proxecto
    • nubes de palabras con ferramentas como Tagxedo ou Word Clouds.
  • O proxecto será avaliado, alomenos, por alumnado e profesorado. Podemos facer partícipes da avaliación do noso proxecto ás familias.
  • Publicaremos no Twinspace as ferramentas de avaliación, os resultados da avaliación e unha análise sobre os mesmos.


Difusión e impacto

  • Podemos levar a cabo no centro escolar, durante o curso, exposicións de produtos do noso proxecto eTwinning.
  • Informaremos ás familias da participación dos seus fillos e fillas no proxecto. Podemos facelos partícipes dalgunha actividade.
  • Informaremos sobre a participación do centro en proxectos eTwinning nas reunións dos distintos órganos pedagóxicos: nas reunións de departamentos didácticos, comisións pedagóxica, claustro, consello escolar etc.
  • Publicaremos algún artigo sobre o proxecto na páxina web do centro escolar.
  • Podemos ampliar a difusión por outros medios ao noso alcance: medios de comunicación, actividades de formación de profesorado, solicitude de premios convocados en diferentes ámbitos, participación no proxecto de institucións locais, culturais, empresas, etc, segundo a natureza do proxecto.
  • Se contactamos coa Embaixada Galega (embaixada.etwinning@edu.xunta.gal) e lles enviamos un resumo do noso proxecto e algunha imaxe, publicarán un artigo para favorecer a súa difusión.

Máis información

Criterios de calidade en proxectos eTwinning:

A calidade en proxectos eTwinning


Deseño de tarefas colaborativas e ferramentas TIC

+ Código de conduta eTwinning (SCA)

Fontes