Diferenzas entre revisións de "Aprendizaxe baseada en proxectos"

De Formación - eTwinning Galicia
m
m
Liña 225: Liña 225:
 
* [https://youtu.be/DnEMLtxf13U Collaborative learning in eTwinning, algúns consellos rápidos para organizar a colaboración en eTwinning. SNA Grecia]
 
* [https://youtu.be/DnEMLtxf13U Collaborative learning in eTwinning, algúns consellos rápidos para organizar a colaboración en eTwinning. SNA Grecia]
 
* [http://etwinning.es/es/la-evaluacion-en-los-proyectos-etwinning/ Autoavaliación dun proxecto eTwinning]
 
* [http://etwinning.es/es/la-evaluacion-en-los-proyectos-etwinning/ Autoavaliación dun proxecto eTwinning]
 +
* [[Proxectos_bos|Embaixada eTwinning Galicia: Proxectos "bos" e recoñecemento]]
  
  

Revisión como estaba o 19 de outubro de 2019 ás 08:19


Introdución

eTwinning é unha ferramenta para facilitar a inclusión na aula de metodoloxías innovadoras. Calquera participante pode usar esa ferramenta como considere conveniente e desenvolver con ela os enfoques que desexe experimentar. Con todo, algúns destes enfoques encaixan e aproveitan mellor as posibilidades que ofrece a plataforma. Cando se deseñan as funcionalidades e as ferramentas, cando se planifica o asesoramento a docentes ou cando se destacan algúns proxectos, estas metodoloxías están presentes. Entre elas, debemos destacar a Aprendizaxe Baseada en Proxectos (ABP) e, como veremos, prestaremos unha especial atención á colaboración entre o alumnado de distintos centros.

A ABP (ou PBL, Project Based Learning) converteuse nunha das metodoloxías activas máis eficaces e estendidas no noso sistema educativo. Na metodoloxía ABP o alumnado leva a cabo un proceso de investigación e creación que culmina coa resposta a unha pregunta, a resolución dun problema ou a creación dun produto. Os proxectos deben planearse, deseñarse e desenvolverse coa fin de que o alumnado poida incorporar, de xeito real, os contidos e estándares de aprendizaxe establecidos pola lexislación educativa. A implementación da ABP permite que se poidan deseñar os temas e itinerarios de aprendizaxe con maior liberdade, de forma que o produto final xa non é o único importante senón que tamén son relevantes o proceso de aprendizaxe, a profundización e o desenvolvemento das competencias clave.


Fundamentos da APB

A Aprendizaxe Baseada en Proxectos debe incluír competencias e habilidades do século XXI para o alumnado:

  • Colaboración: os alumnos e alumnas necesitarán tempos de traballo establecidos e guiados até que sexan capaces de levar a cabo as tarefas pola súa conta. Para iso será necesario facilitarlles estratexias para a colaboración e a cooperación:
    • Uso de roles.
    • Uso de diarios de traballo.
    • Traballo por obxectivos intermedios.
    • Dinámicas da aprendizaxe cooperativa.
  • Comunicación: Saber comunicar que se quere, como se quere e cando se quere son aspectos fundamentais para que se produza unha boa colaboración. Para iso é necesario que o alumnado dispoña de tempo organizado para realizar postas en común, formulación e resolución de dúbidas e avaliación do seu propio traballo.
  • Pensamento Crítico: Os proxectos deben desenvolver a capacidade de pensar no alumnado. Ademais, a análise de información, a toma de decisións e a defensa de posicións opostas son estratexias que desenvolverán os participantes no proceso de traballo. Para conseguilo, o profesorado terá que guiar coidadosamente a oferta de estratexias e ferramentas. As rutinas de pensamento son estratexias cognitivas, que consisten en preguntas ou organizadores gráficos sinxelos que promoven o desenvolvemento e a estruturación do pensamento nos estudantes. Foron desenvolvidas por investigadores da Universidade de Harvard dentro do Proxecto Zero (2008).
  • Novas tecnoloxías: Aínda que, como norma xeral, non teñamos por que considerar a tecnoloxía como algo fundamental e imprescindible, si é certo que abre as nosas aulas ao mundo globalizado da información e a comunicación, e ofrécenos ferramentas para a investigación, a creación e a difusión do traballo. Un dos puntos importantes do seu uso é a facilidade de colaborar á hora de traballar en equipo. No caso de proxectos de colaboración internacional, onde a proximidade física non é posible, a tecnoloxía e as ferramentas de comunicación proporciónannos múltiples posibilidades de planificar, desenvolver e avaliar proxectos.


A metodoloxía ABP non só supón a realización de meros traballos:

Wikipedia/Jens Rötzsch
  • É necesario a creación e o deseño do escenario de aprendizaxe. Este escenario terá que parecerse o máis posible á realidade, unha realidade próxima ao alumnado, xa que se busca unha aprendizaxe útil e vivencial.
  • Os docentes son guías do itinerario de aprendizaxe no proceso do proxecto e na reflexión sobre o mesmo. O acento non debe colocarse no produto final senón no como e no porqué se chegou até el.
  • A flexibilidade no deseño e creación do proxecto non é un “todo vale”. O itinerario creado ha de estar fundamentado, ser útil, ter sentido (especialmente para o alumnado) e estar integrado no currículo educativo e nas programacións.
  • O desenvolvemento da autonomía no alumnado debe apoiarse na axuda do profesorado, que actúa como facilitador de ferramentas, guías, obxectivos, preguntas e respostas que leven o alumnado ao éxito.


Primeiros pasos

Como se destacou no apartado anterior, o deseño dun proxecto e a súa implementación deben realizarse dunha forma estruturada e meticulosa que permita que o proceso de aprendizaxe estea centrado no protagonismo do alumnado coa guía do equipo docente.

A continuación, descríbense os primeiros pasos para deseñar un proxecto segundo a metodoloxía ABP, xa no contexto de eTwinning.

Aula Planeta: ABP en 10 pasos
  • O punto de partida é a elección do tema para o proxecto. O tema será o eixo principal de todo o proxecto e, por tanto, ten que ser realmente motivador. Pode ser elixido polo profesorado, polo alumnado ou por ambos e estará integramente relacionado co produto final que se decida crear como resultado do proxecto.
  • É preciso identificar todos os contidos, obxectivos e estándares de aprendizaxe do currículo que establece a lexislación educativa e que están en relación co tema escollido. Aínda que a lexislación educativa presente estes apartados de forma illada en diferentes áreas de aprendizaxe, nos proxectos mestúranse converténdose en multidisciplinares ou transversais.
  • O seguinte paso é clarificar cal será a nosa meta, é dicir, cal será o produto ou produtos finais que queremos obter. Estes produtos teñen que relacionarse co tema do proxecto, coas competencias que o alumnado posúa e coas que queiramos desenvolver. É importante termos claro este punto, xa que será a noso guía ao longo do proxecto. Ten cabida calquera tipo de produto que consideremos, ben aqueles que usan as TIC, ben aqueles que recorren a outro tipo de materiais ou ideas (o feito de usarmos ferramentas TIC facilitará a posterior difusión do mesmo).
  • As competencias que queremos que o alumnado desenvolva mediante o proxecto están moi relacionadas co produto elixido, por tanto a decisión sobre as mesmas pode tomarse mesmo antes de definir o produto. A ABP fai que o alumnado aprenda mediante a acción (learning by doing), o cal supón que a adquisición de competencias sexa máis real e concreta que mediante outro tipo de metodoloxía.
Alicia López Palomera
  • Cando todos os alicerces anteriores estean completamente claros e fixados é cando se vai ser capaz de deseñar o itinerario de aprendizaxe. Para iso debemos traballar sobre estes tres puntos:
    • Agrupamento do alumnado: En función do tipo de tarefas que se vaian levar a cabo elixiremos unha forma de traballar ou outra. É importante o establecemento de roles e normas de traballo. Este punto aseguraranos que o alumnado teña claras as súas responsabilidades e as súas funcións en cada momento.
    • Temporalización: Para un bo desenvolvemento e finalización do proxecto é necesario establecer períodos de realización das actividades, ofrecendo ao alumnado tempo para o diálogo e a discusión, para a creación, para a realización e a corrección. Tamén é imprescindible fixarmos datas para cada unha das fases ou tarefas, así como para a entrega e presentación do produto final. Cumprir os prazos fará que o traballo sexa máis frutífero.
    • Tarefas que se deben realizar: Na ABP o equipo docente convértese en guía e deseñador do itinerario de aprendizaxe, por tanto, debemos crear diferentes tarefas que promovan a investigación, a creatividade, a comunicación e a reflexión do alumnado. Estas tarefas terán como único obxectivo a aprendizaxe progresiva dos contidos establecidos e a realización do produto final. Se buscamos o desenvolvemento da autonomía do alumnado na súa aprendizaxe será necesario ofrecerlles ferramentas de axuda (titoriais, exemplos, rúbricas guía, etc.). Canto mellor estea explicada a actividade, maior será a autonomía do alumnado e maior a oportunidade de que o docente individualice o proceso de aprendizaxe. Á hora de elaborar e deseñar as tarefas eTwinning é necesario fomentarmos a colaboración entre estudantes de todos os centros que forman parte do proxecto.


Avaliación

Unha vez finalizado, chega un momento importante para calquera proxecto: a avaliación. Os contidos levan emparelladas competencias cuxa adquisición e consecución temos que avaliar.

A avaliación de todo o conxunto está en mans de todos os actores que participaron no proceso de aprendizaxe: alumnado e docentes, entre outros. Todos terán algo que achegar á avaliación. Para iso establecemos tres tipos de avaliación:

  • Heteroavaliación: É aquela que se produce desde o punto de vista do equipo docente, da persoa que deseñou o itinerario de aprendizaxe e pretende avaliar a consecución e adquisición dos obxectivos e das competencias expostas. O mellor instrumento para a realización desta avaliación será a rúbrica de avaliación, na cal, desde o principio do proceso, o docente móstralle ao alumnado cales serán os aspectos que serán avaliados e cal ha de ser o resultado obtido en función do grao de consecución deses aspectos.
  • Coavaliación: É a avaliación realizada polos iguais, é dicir, polo alumnado. Normalmente froito desta avaliación, obteremos a visión do alumnado sobre os seus colegas e sobre o traballo en equipo, a cooperación e a colaboración.
  • Autoavaliación: É o punto de vista de cada estudante sobre o seu traballo, adquisición e consecución de competencias e obxectivos. Para iso poderemos utilizar a rúbrica de avaliación acompañada dalgún instrumento que lle permita expresar a súa propia avaliación e os motivos da mesma. En moitas ocasións este tipo de avaliación non só nos ofrecerá información acerca da súa visión das tarefas, o produto final e os seus logros senón acerca da súa autoestima e da percepción que ten sobre si mesmo.
Wikimedia\Anarebolledok

Este tipo de avaliación é utilizada para as tarefas e os produtos levados a cabo seguindo a metodoloxía ABP. Aínda que cando esta metodoloxía é aplicada no desenvolvemento dun proxecto eTwinning temos que engadir un tipo de avaliación que será a do propio proxecto. Nesta avaliación atoparanse implicados todos aqueles que formasen parte do proxecto dunha maneira ou outra (alumnado, docentes, familias, institucións ou asociacións, etc.).

É unha avaliación cualitativa e cuantitativa na que se trata de recoller o maior número de datos e opinións sobre o desenvolvemento do proxecto, a adecuación dos contidos, a colaboración e a cooperación levada a cabo entre o alumnado e entre os centros implicados.


A colaboración en eTwinning

A colaboración é o aspecto fundamental para desenvolver un bo proxecto eTwinning e é a clave para o seu éxito.

Colaborar non é realizar as actividades de maneira paralela nos respectivos centros, con resultados independentes. Mesmo se nos comunicamos e nos mostramos eses produtos finais. Nin sequera estaremos a colaborar se sumamos os produtos e os presentamos como un único produto final.

Por estas respostas e moitas outras que nos poidan xurdir, imos debullar o que é colaborar e aprenderemos regras de ouro para o éxito nun proxecto eTwinning.


Que é colaborar?

© Daniel Cruz

Segundo o dicionario, colaborar é "traballar con outra ou outras persoas na realización dunha obra". É dicir, consiste en realizar algo de maneira conxunta desde o inicio, no seu desenvolvemento e na súa finalización.

Hai puntos clave na colaboración que debemos ter en conta para poder chegar ao éxito. Por exemplo, cando realizamos este proceso seguramente partiremos de ideas moi diferentes e necesitaremos buscar un consenso. Temos que negociar e debater, iso implica ter unha mente aberta e dispor de tempo para facelo. Abrir a mente é un dos obxectivos de eTwinning, coa integración de diferentes puntos de vista culturais, sociais, etc. Como consecuencia deste obxectivo e do traballo colaborativo, a nosa sociedade tórnase máis tolerante e respectuosa. Moitas veces, chegar a un consenso implica renunciar ás ideas propias en favor das propostas dos nosos socios.

As actividades colaborativas entre centros participantes van máis aló da comunicación: os alumnos non son meros receptores de información; son membros dun equipo, co-autores e co-creadores. É dicir, son partícipes de todo o proceso do proxecto desde o inicio, no seu desenvolvemento e no final. É aquí onde o equipo docente desempeña o papel máis importante, o de guía acompañante. Debe crear o escenario e as condicións adecuadas para que a colaboración xurda e os alumnos e as alumnas aprendan o proceso de colaborar.

En canto á colaboración nun proxecto, o termo implica que os grupos participantes necesitan da contribución dos seus colegas para realizar e terminar as tarefas.

Unha das posibles estratexias é traballar con grupos mixtos de diferentes nacionalidades: xuntar un pequeno grupo dunha clase dun centro participante con outro pequeno grupo doutro centro participante dará como resultado un grupo mixto con diferentes nacionalidades ou centros diferentes.


As regras de ouro

En toda boa tarefa ou proxecto debe haber unhas regras que seguir e cumprir para garantir o seu éxito. A continuación enumeramos nove regras de ouro que garantirán o éxito do teu proxecto colaborativo eTwinning:

  1. Coñece os teus colegas. Comparte toda a información necesaria cos teus socios e socias:
    • Número de estudantes que participan no proxecto.
    • A idade dos estudantes e os seus hobbies ou intereses.
    • O nivel dos estudantes tanto nas linguas estranxeiras como a súa competencia dixital.
  2. Crea un calendario detallado e compárteo:
    • Datas de inicio e fin de cada tarefa.
    • Datas de períodos vacacionais de cada centro participante.
    • Compartir o calendario cos estudantes.
  3. Crea un plan preliminar para levar a cabo un proxecto eTwinning exitoso.
    • Planea un encontro, presenta o proxecto e informa as familias, colegas e dirección do centro sobre os puntos específicos do proxecto.
    • Engade máis mestres da túa escola ao proxecto para formar equipos de traballo no teu centro.
    • Anuncia o inicio do proxecto na páxina do centro.
    • Crea contas de TwinSpace para estudantes e outros participantes.
    • Organiza obradoiros para estudantes coa finalidade de desenvolver competencias dixitais e probar as ferramentas TIC que vaian ser usadas no proxecto e para aprender a manexarse a plataforma TwinSpace.
    • Crea titoriais de TwinSpace para estudantes e colegas principiantes en eTwinning, no caso de que sexa necesario.
  4. Deseña o TwinSpace coidadosamente durante a vida do proxecto:
    • Crea unha páxina para cada tarefa.
    • Engade unha breve descrición en cada unha das páxinas que explique en que consiste a tarefa relacionada.
    • Ponte de acordo cos socios e socias sobre cales son as ferramentas que mellor encaixan en cada unha das tarefas.
    • Pídelles aos socios e socias que editen e completen as páxinas.
  5. Rompe o xeo para que o alumnado se coñeza. Fai do proxecto unha comunidade de aprendizaxe onde a interacción entre o alumnado sexa fundamental.
    • Crea momentos, actividades, tarefas, etc. que fagan que o alumnado interactúe o máximo posible.
    • Pídelles que actualicen os seus perfís de TwinSpace, que engadan unha breve descrición persoal e un avatar representativo ou fotografía se son maiores de idade.
    • Anímaos a deixaren comentarios no muro dos estudantes participantes.
    • Crea actividades para dinamizar os perfís en TwinSpace. Exemplo: Vota polo perfil que máis che guste.
    • Planea sesións de chat ou videoconferencia de forma regular.
    • Propón maneiras creativas para que se presenten individualmente e presenten a súa escola ou o seu país.
  6. Crea grupos transnacionais. Cada grupo mixto ten estudantes de cada centro. Durante o proceso terán que comunicarse entre eles e tomar decisións conxuntas que afecten os produtos finais.
    • Distribúe o alumnado en equipos ou grupos mixtos.
    • Crea unha táboa cos novos grupos mixtos transnacionais formados e insírea no TwinSpace.
    • Anímaos a traballaren xuntos e a escribiren unha breve descrición sobre os compoñentes do grupo. Ferramenta recomendada: Titanpad.
    • Anímaos a crearen un nome do grupo e debuxaren xuntos un símbolo ou emblema do mesmo. Ferramenta recomendada: A Web Whiteboard.
  7. Planea tantas tarefas colaborativas como sexa posible. Fai todo o posible para que as tarefas ou actividades promovan a colaboración entre o alumnado.
    • Tenta planear as tarefas ou actividades onde a contribución de todos os membros sexa necesaria para completala.
    • Usa o maior número de ferramentas colaborativas que sexa posible. Exemplos: Google Docs, Prezi, Glogster, etc.
    • Tenta evitar a creación de cartafoles ou páxinas para cada socio en TwinSpace. As tarefas ou actividades colaborativas exitosas son aquelas nas cales non se pode dicir que compañeiro fixo unha ou outra tarefa.
  8. Asigna responsabilidades aos estudantes. É dicir, canto máis responsables do proxecto sexan os teus estudantes máis partícipes e motivados estarán. Evidentemente esta regra dependerá da etapa educativa na que se realice o proxecto.
    • Descobre o talento dos teus estudantes e as súas habilidades dándolles responsabilidade no proxecto e nas tarefas.
    • Xúntaos en grupos de acordo cos seus gustos, habilidades ou talentos (o grupo de pintura, o grupo de fotografía, o grupo TIC, etc.)
    • Asigna a algúns estudantes o rol de "alumno administrador" de TwinSpace.
  9. Fixa criterios de avaliación que permitan unha posterior análise, debate e mellora do proxecto en futuras edicións.
    • Tenta avaliar co profesorado participante a calidade do proxecto.
    • Recoñece as fortalezas e debilidades do proxecto.
    • Identifica as áreas que necesitan mellorar.
    • Planea actividades de avaliación durante o transcurso do proxecto. Profesorado e alumnado comparten opinións e fan propostas de mellora.


Estas regras de ouro farán dun proxecto eTwinning unha experiencia exitosa, xa que promoven a colaboración, a metodoloxía ABP e o cambio de rol do profesorado e do alumnado.

É importante indicar ao alumnado de maneira clara que é o que ten que facer, como o ten que facer e cando o ten que facer, deseñando as fases da actividade de maneira detallada. Isto facilitará a súa autonomía e o desenvolvemento das competencias.

E de novo facemos fincapé no feito de que temos que crear o contexto para que o alumnado poida traballar en equipo, a distancia, co resto de participantes.


Os selos de calidade

Os Selos de Calidade eTwinning entréganse como recoñecemento ao traballo dos docentes en proxectos que alcanzaron uns niveis determinados de calidade. A calidade dun proxecto non se basea na súa complexidade, nin na súa duración, nin na sofisticación das ferramentas usadas. Hai proxectos que recibiron este galardón, uns de dous anos e outros de dous meses; con dous socios e con dez; con ferramentas novas e con ferramentas coñecidas e sinxelas. A calidade dun proxecto márcaa a súa eficiencia educativa; é dicir, a pertinencia dos obxectivos pedagóxicos propostos e o seu nivel de consecución. Hai dous tipos de Selos de Calidade: Nacional e Europeo.


Selo de Calidade Nacional

Selo de Calidade Nacional

Outorgado polo Servizo Nacional de Apoio de cada país. En España, actualmente, poden ser solicitados e entregados ao longo de calquera momento do ano. Os proxectos que se presentan deben cumprir estes requisitos:

  1. Os obxectivos e o plan de traballo debe ser común a todos os socios e socias do proxecto.
  2. O proxecto ten que estar terminado ou en vías de finalización.
  3. O/A docente solicitante do selo debe ter unha participación activa no proxecto.
  4. Debe detectarse un certo grao de colaboración entre socios que debe estar documentado.
  5. Deben facerse visibles os resultados do proxecto.


Solicitude do Selo de Calidade

Unha vez que estes requisitos se cumpren, o proxecto é avaliado segundo os criterios explicados no seguinte apartado:

  • Innovación pedagóxica.
  • Inclusión nos plans de estudos.
  • Comunicación e interacción entre socios.
  • Colaboración entre centros.
  • Uso da tecnoloxía.
  • Resultado, impacto e documentación.

A solicitude do Selo de Calidade faise no eTwinning Live, na sección Proxectos. Debe solicitalo individualmente cada participante.


Selo de Calidade Europeo

Selo de Calidade Europeo

O Selo de Calidade Europeo é un recoñecemento que se outorga de oficio se:

  • polo menos dous socios de diferentes países recibiron o Selo de Calidade Nacional e
  • foron propostos para o Selo de Calidade Europeo polo menos por un SNA.

Os Selos de Calidade nacionais e europeos son a chave para participar nas respectivas convocatorias de premios: concurso nacional e concurso europeo. As bases e publícanse no eTwinning Live e envíanse por correo electrónico a quen se subscriba aos boletíns do SNA e do Servizo Central de Apoio.


A rúbrica

Estes son o seis criterios de avaliación para a consecución dos Selos de Calidade. Son comúns a todos os países participantes en eTwinning, pero cabe resaltar que os distintos Servizos Nacionais de Apoio poden puntualizalos e valoralos segundo criterio propio e dar prioridade a un ou outro dependendo da singularidade de cada país. Estes criterios pretenden ser unha guía para os docentes á hora de planificar os seus proxectos.

A continuación, compartimos ligazóns aos artigos do SNA español nos que explican os criterios da rúbrica de selo de calidade e ligazóns a proxectos que exemplifican boas prácticas neses apartados concretos.

  1. Innovación pedagóxica e creatividade
  2. Integración no plan de estudos
  3. Comunicación e interacción entre centros socios
  4. Colaboración entre centros escolares asociados
  5. Uso da tecnoloxía
  6. Resultados, impacto e documentación


Máis información


Fontes


Licenza

Por Marcos Vence Ruibal e Carmen Fernández Vázquez (Embaixada eTwinning Galicia) a partir dunha obra de Javier Ramos Sancha e Julián Sánz Mamolar (INTEF).

Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0