Preguntas frecuentes

De Formación - eTwinning Galicia


Cal é a diferenza entre "compartir" e "colaborar"?

Compartir: o alumnado envía os seus traballos para que os vexan nas escolas socias, pode haber algún tipo de resposta, comentarios, mesmo crear un produto final que aglutine todas as achegas realizadas. En xeral, non hai moita interacción entre participantes e se a hai, é só para dar opinións e intercambiar información. Créanse un ou varios produtos por escola.

Exemplo: Intercambio de postais de Nadal.


Colaborar: o alumnado de todos os centros comunícanse e traballan en cooperación coa finalidade de construír un ou varios produtos. Se o número de participantes é elevado, pódense crear subgrupos. En cada un haberá membros de todas as escolas. Desta maneira crearanse un ou varios produtos por subgrupo.

Exemplo: Creación dun cómic.


Nos proxectos pode haber tarefas orientadas á colaboración e outras a compartir.


Como sei se o meu proxecto é "bo"?

A información oficial que podemos atopar en relación a eTwinning está orientada a que nos proxectos haxa colaboración, non só un intercambio de información. É un dos piares dos proxectos eTwinning e un dos apartados máis importantes da rúbrica de avaliación dos Selos de Calidade.

Porén, os proxectos que non cumpren as condicións para obter o Selo de Calidade, non se consideran "malos" se cumpren co seu obxectivo. Por exemplo:

  • Traballar nun proxecto sinxelo sobre penpals para practicar a comprensión e expresión escrita en LE sen maiores aspiracións.
  • Participar nun proxecto pequeno para coñecer as socias e socios, antes de embarcarse nun máis esixente.



É obrigatorio solicitar o Selo de Calidade?

Por norma xeral, non.

Só se se quere optar a participar nos concursos nacional e europeo organizados polo Servizo Nacional de Apoio e polo Servizo Central de Apoio, respectivamente.

Si é obrigatorio no caso de estar participando no Plan Proxecta nº 39. Educación patrimonial, Modalidade F.

É posible que no mesmo proxecto uns socios consigan o Selo de Calidade e outros non?

Si.

Os criterios de avaliación para a consecución dos Selos de Calidade (QL, Quality Label) son os mesmos en todos os países participantes, pero os distintos Servizos Nacionais de Apoio poden puntualizalos e valoralos segundo criterio propio e dar prioridade a un ou outro dependendo da singularidade de cada país.

En países cunha baixa participación en eTwinning é posible que concedan QLs con mais "facilidade" para motivar o profesorado. Por iso ás veces dáse a circunstancia de que no mesmo proxecto hai socios dun país con QL e socios doutro país sen el, aínda que os criterios sexan os mesmos para toda Europa.

Tamén é posible que uns teñan o QL e outros non, se estes non conseguen achegar evidencias da súa participación en todas as fases do proxecto.

Pódese traballar en galego en eTwinning?

Si.

Pódese traballar en calquera lingua, entre elas o galego.

O problema actual é que eTwinning Live invisibiliza o uso deste idioma porque non é posible marcar o galego como lingua de traballo nin no perfil do/da docente nin na ficha do proxecto. Isto dificulta a procura filtrada de posibles eTwinners que queiran traballar en galego ou de proxectos que fosen realizados nesta lingua.

A Embaixada eTwinning Galicia e a Secretaría Xeral de Política Lingüística solicitaron ao Servizo Nacional de Apoio a actualización de eTwinning Live para habilitar esta opción. En setembro de 2018 comunicáronnos que a proposta foi inicialmente aceptada e que se implementará na seguinte versión de eTwinning Live, unha vez finalizadas outras tarefas prioritarias. A actualización de outubro de 2019 non incorporou esta mellora.

É obrigatorio traballar en equipos de centro?

Non.

É recomendable, pero non é obrigatorio. É posible traballar unha soa persoa en eTwinning no centro educativo.

Só é obrigatorio para as escolas que desexen solicitar o Selo de Centro eTwinning (eTwinning School Label).