Que é eTwinning?

De Formación - eTwinning Galicia
Revisión feita o 7 de xullo de 2019 ás 08:13 por Mvence (Conversa | contribucións) (Licenza)


Introdución

Vídeo do SNA español


Que é eTwinning?

eTwinning forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte. O seu obxectivo principal é promover o contacto e a colaboración entre centros escolares do mesmo país ou de distintos países europeos. Facilita unha contorna para o desenvolvemento profesional docente, o intercambio de ideas e para realizar proxectos educativos sobre calquera tema do ámbito escolar, baseados no traballo en colaboración, o desenvolvemento das competencias clave, o uso das TIC e a potenciación da dimensión europea.

Hai que destacar os aspectos positivos destas asociacións: o sentido de creación de comunidade con outros centros; as posibilidades de aprendizaxe entre pares, ben sexa entre docentes ou entre o alumnado; pero sobre todo, destacaremos a posibilidade de compartir ideas e experiencias para o crecemento persoal ou colectivo dentro da sociedade europea.


eTwinning comezou no 2005 como parte fundamental do programa eLearning da Unión Europea para a integración das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos sistemas de educación e formación de Europa.

Desde 2014 está integrado no programa Erasmus+, dentro da Acción KA2: Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas.

A estrutura do programa é a seguinte:

   Participan un total de 42 países; 37 estados membros da UE, países candidatos ou con relación especial e 6 países eTwinning Plus, que veremos máis adiante.


Albania Eslovaquia Islandia Portugal Alemaña Eslovenia Italia República Checa Armenia España Letonia Romanía Austria Estonia Liechtenstein Serbia Acerbaixán Finlandia Lituania Suecia Bélxica Francia Luxemburgo Tunes Bosnia e Herzegovina Xeorxia Macedonia (ARY) Turquía Bulgaria Grecia Malta Ucraína Croacia Holanda Moldavia Reino Unido Chipre Hungría Noruega Dinamarca Irlanda Polonia



eTwinning está organizado a nivel europeo polo Servizo Central de Apoio (SCA), con sede en Bruxelas (www.etwinning.net) e a nivel nacional está coordinado polos respectivos Servizos Nacionais de Apoio. En España, o Servizo Nacional de Apoio (SNA) pertence ao Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, desde onde traballa en coordinación con todas as Comunidades e Cidades Autónomas (www.etwinning.es).

As condicións de participación son:

   Niveis educativos non universitarios.
   Todas as materias. Contempla a interdisciplinariedade e a transversalidade.
   Lingua de traballo: todas. Entre elas, o galego.
   Perfil de participantes: docentes, equipos directivos, de orientación, de bibliotecas escolares, asesores de CFR e inspección. Unha vez iniciado un proxecto, profesorado pode convidar os seus respectivos estudantes á plataforma de traballo dese proxecto.

.

En xaneiro de 2018, a nivel europeo, había:

   70.023 proxectos,
   187.847 centros rexistrados,
   541.820 docentes inscritos.

En España:

   17.106 proxectos,
   13.848 centros rexistrados,
   43.890 docentes inscritos.

E en Galicia:

   383 centros rexistrados,
   1.000 docentes inscritos.




Fontes

  • Embaixada eTwinning Galicia
  • Servizo Nacional de Apoio eTwinning España - INTEF
  • Servizo Central de Apoio eTwinning

Licenza

Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0