Que é eTwinning?

De Formación - eTwinning Galicia
Revisión feita o 7 de xullo de 2019 ás 07:48 por Mvence (Conversa | contribucións) (Condicións de participación)


Introdución

Que é eTwinning?

eTwinning forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte. O seu obxectivo principal é promover o contacto e a colaboración entre centros escolares do mesmo país ou de distintos países europeos. Facilita unha contorna para o desenvolvemento profesional docente, o intercambio de ideas e para realizar proxectos educativos sobre calquera tema do ámbito escolar, baseados no traballo en colaboración, o desenvolvemento das competencias clave, o uso das TIC e a potenciación da dimensión europea.

Hai que destacar os aspectos positivos destas asociacións: o sentido de creación de comunidade con outros centros; as posibilidades de aprendizaxe entre pares, ben sexa entre docentes ou entre o alumnado; pero sobre todo, a posibilidade de compartir ideas e experiencias para o crecemento persoal ou colectivo dentro da sociedade europea.

eTwinning comezou no 2005 como parte fundamental do programa eLearning da Unión Europea para a integración das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos sistemas de educación e formación de Europa. Desde 2014 está integrado no programa Erasmus+, dentro da Acción KA2: Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas.


Estrutura do programa

Países participantes:

  • eTwinning diríxese a todos os Estados membros da Unión Europea: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia, Portugal, Romanía, Reino Unido, República Checa e Suecia.
  • Tamén poden participar Albania, Antiga República Iugoslava de Macedonia, Bosnia e Hercegovina, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Serbia e Turquía.
  • eTwinning Plus comprende oito países «veciños de Europa»: Armenia, Acerbaixán, Xeorxia, Moldavia e Ucraína, que son parte da Asociación Europea Oriental; así como Tunisia, Xordania e Líbano que forman parte da Asociación Euromediterránea (EUROMED).


eTwinning está organizado a nivel europeo polo Servizo Central de Apoio (SCA), con sede en Bruxelas (www.etwinning.net) e a nivel nacional está coordinado polos respectivos Servizos Nacionais de Apoio. En España, o Servizo Nacional de Apoio (SNA) pertence ao Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, desde onde traballa en coordinación con todas as Comunidades e Cidades Autónomas (www.etwinning.es).


Condicións de participación

Poden participar docentes de:

  • Niveis educativos non universitarios.
  • Todas as materias. Contempla a interdisciplinariedade e a transversalidade.
  • Lingua de traballo: todas. Entre elas, o galego.
  • Perfil de participantes: docentes, equipos directivos, de orientación, de bibliotecas escolares, asesores de CFR e inspección. Unha vez iniciado un proxecto, profesorado pode convidar os seus respectivos estudantes á plataforma de traballo dese proxecto.


En xullo de 2019, a nivel europeo, había:

   90.759 proxectos rexistrados (activos e pechados),
   192.148 centros inscritos,
   693.274 docentes inscritos.


E en Galicia:

   459 centros rexistrados,
   958 docentes inscritos.

Fontes

Licenza

Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0