Que é eTwinning?

De Formación - eTwinning Galicia
Revisión feita o 7 de xullo de 2019 ás 08:10 por Mvence (Conversa | contribucións) (Beneficios da participación en eTwinning)


Introdución


Que é eTwinning?

eTwinning forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte. O seu obxectivo principal é promover o contacto e a colaboración entre centros escolares do mesmo país ou de distintos países europeos. Facilita unha contorna para o desenvolvemento profesional docente, o intercambio de ideas e para realizar proxectos educativos sobre calquera tema do ámbito escolar, baseados no traballo en colaboración, o desenvolvemento das competencias clave, o uso das TIC e a potenciación da dimensión europea.

Hai que destacar os aspectos positivos destas asociacións: o sentido de creación de comunidade con outros centros; as posibilidades de aprendizaxe entre pares, ben sexa entre docentes ou entre o alumnado; pero sobre todo, a posibilidade de compartir ideas e experiencias para o crecemento persoal ou colectivo dentro da sociedade europea.

eTwinning comezou no 2005 como parte fundamental do programa eLearning da Unión Europea para a integración das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos sistemas de educación e formación de Europa. Desde 2014 está integrado no programa Erasmus+, dentro da Acción KA2: Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas.


Estrutura do programa

Países participantes:

Países participantes
  • eTwinning diríxese a todos os Estados membros da Unión Europea: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Holanda, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Polonia, Portugal, Romanía, Reino Unido, República Checa e Suecia.
  • Tamén poden participar Albania, Antiga República Iugoslava de Macedonia, Bosnia e Hercegovina, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Serbia e Turquía.
  • eTwinning Plus comprende oito países «veciños de Europa»: Armenia, Acerbaixán, Xeorxia, Moldavia e Ucraína, que son parte da Asociación Europea Oriental; así como Tunisia, Xordania e Líbano que forman parte da Asociación Euromediterránea (EUROMED).


eTwinning está organizado a nivel europeo polo Servizo Central de Apoio (SCA), con sede en Bruxelas (www.etwinning.net) e a nivel nacional está coordinado polos respectivos Servizos Nacionais de Apoio. En España, o Servizo Nacional de Apoio (SNA) pertence ao Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, desde onde traballa en coordinación con todas as Comunidades e Cidades Autónomas (www.etwinning.es).


Condicións de participación

Poden participar docentes de:

  • Niveis educativos non universitarios.
  • Todas as materias. Contempla a interdisciplinariedade e a transversalidade.
  • Lingua de traballo: todas. Entre elas, o galego.
  • Perfil de participantes: docentes, equipos directivos, de orientación, de bibliotecas escolares, asesores de CFR e inspección. Unha vez iniciado un proxecto, profesorado pode convidar os seus respectivos estudantes á plataforma de traballo dese proxecto.


Datos de rexistros

Centros galegos

En xullo de 2019, a nivel europeo, había:

   90.759 proxectos rexistrados (activos e pechados),
   192.148 centros inscritos,
   693.274 docentes inscritos.


E en Galicia:

   459 centros rexistrados,
   958 docentes inscritos.


Beneficios da participación en eTwinning

Os beneficios do traballo a través de eTwinning son múltiples:

  • Fomenta o sentido de equipo: Ao entrar a formar parte da comunidade eTwinning atoparás un lugar para traballar cheo de docentes que, como ti, queren coñecer e experimentar metodoloxías diferentes. Este é o principal motivo para a participación, a comunidade eTwinning ofréceche as ferramentas e as oportunidades necesarias para compartir con outros docentes e para crear sinerxías que produzan cambios nas aulas e nos centros educativos.
  • Fornece unha contorna segura: Todas e cada unha das persoas que están dentro da plataforma pertencen a un centro escolar, que foi verificado e contrastado polos diferentes SNA. A plataforma eTwinning axuda á conexión de profesorado e alumnado: ofrécenos espazos para desenvolver os proxectos, compartir os produtos, establecer colaboracións dentro dunha contorna segura, controlada e libre de publicidade, que non sempre é fácil de atopar noutro tipo de plataformas ou nas redes sociais.
  • Ofrece oportunidades de desenvolvemento profesional: A plataforma é un lugar onde compartir e crear, xunto con colegas docentes, desde cero e até onde as nosas posibilidades e circunstancias nos permitan chegar. Dentro da plataforma tamén se ofrece formación, seminarios en liña, obradoiros e encontros didácticos que axudan a progresar. É dicir, non é necesario rexistrarse na plataforma única e exclusivamente para a realización de proxectos, tamén podemos aproveitar as oportunidades de desenvolvemento profesional que nos axudan a crecer, ver, formarnos e comezar a crear os cimentos nos que posteriormente poderemos construír un proxecto.
  • Proporciona toda a axuda necesaria: Desde a plataforma, a través do correo interno, das fichas de proxecto e dos foros, podes atopar todo o apoio que necesites. Tamén che axudarán o SNA e Embaixada eTwinning, que estarán aí para animar, guiar e acompañarte antes, durante e despois dun proxecto. Un dos grandes beneficios da plataforma eTwinning son todas as posibilidades de asesoramento e axuda que atopamos. Unha das máis importantes será a dispoñibilidade continua do Servizo Nacional de Apoio. Contactar con eles é sinxelo e rápido desde a plataforma: dentro de cada proxecto atópase un apartado que se chama Tarxetas de proxecto, no que podes porte en contacto co SNA para expor calquera dúbida ou pedir orientación.
  • A burocracia é mínima: para rexistrarte en eTwinning tan só terás que facilitar uns pequenos datos sobre o teu centro de traballo e sobre ti como docente. E no momento de rexistrar un proxecto tan só será necesario completar un formulario breve que a propia plataforma ofrece. Esta sinxeleza axuda ao profesorado a ter máis tempo para a planificación creativa e colaborativa do proxecto. Iso si, por motivos de seguridade, a dirección do teu centro deberá confirmar a túa identidade e dar o seu visto e prace para cada proxecto no que participes. Con todo, todo ese proceso de validación tamén é simple e rápido.
  • Dá recoñecemento ao traballo realizado: Todos os proxectos que se leven a cabo dentro da plataforma poden optar a ser recoñecidos con Selos de Calidade ou premios nacionais e europeos. Podes atopar na páxina web do Servizo Nacional de Apoio artigos coa rúbrica de avaliación e con explicacións e exemplos de todos os criterios. Esta información pódenos axudar a crear un "bo proxecto" desde o comezo e que, tras o seu desenvolvemento, posuamos as evidencias e os produtos necesarios para solicitar o devandito selo e recoñecemento.
  • É motivador para o alumnado: Gozan traballando a través dos proxectos e atopan motivador o contacto con colegas doutros países. O feito de implementar un novo tipo de metodoloxía, procurar a colaboración doutros axentes e a inclusión doutras realidades, fai que o alumnado mostre un interese especial pola aprendizaxe.

Embaixada eTwinning

eTwinning Plus

Máis información

Fontes

Licenza

Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0