TwinSpace

De Formación - eTwinning Galicia
Revisión feita o 16 de setembro de 2019 ás 15:26 por Carmen (Conversa | contribucións) (Twinmail)


Introdución

A plataforma eTwinning organízase en tres niveis distintos, de forma case idéntica a un centro escolar. Este tres niveis caracterízanse polas ferramentas e polas posibilidades que ofrecen, así como polo tipo de acceso e privacidade. De forma esquemática, son:

  • Os portais nacional e europeo www.etwinning.es e www.etwinning.net. Son de acceso público, como o edificio dun centro. Calquera pode entrar e ver a información que proporcionan. Neles, podemos consultar datos de participación, noticias, proxectos destacados, axuda e contacto.
  • eTwinning Live live.etwinning.net: a sala de profes de eTwinning. Un espazo de acceso privado, no que só hai docentes. É o lugar onde podemos contactar e coñecer outros colegas, participar en actividades de desenvolvemento profesional e intercambiar ideas. Terás acceso a el en canto te rexistres en eTwinning.
  • TwinSpace twinspace.etwinning.net: é a aula virtual onde docentes e estudantes se reúnen para traballar nun proxecto concreto (compartir información, desenvolver actividades conxuntas e finalmente, publicar os resultados). Créase un TwinSpace para cada proxecto existente, así que non poderás acceder a el até rexistrares o primeiro proxecto. É unha contorna segura de acceso restrinxido: só poden entrar aquelas persoas (profes, estudantes, visitantes) convidadas directamente polo profesorado e só se van mostrar os contidos que decidan publicar.

A continuación, presentamos unha serie de tutoriais breves sobre moitas das funcionalidades e ferramentas do TwinSpace. Podes lelos todos ou acudir a eles conforme os precisares. Tamén tes á túa disposición todos os artigos publicados polo Servizo Nacional de Apoio sobre o TwinSpace.

Páxina de inicio do TwinSpace

Cambio de idioma

A páxina inicial do TwinSpace contén información e actualizacións do proxecto, que se van rexistrando automaticamente.

Na parte superior atopamos, de esquerda a dereita, unha icona que nos permite o acceso directo a outras seccións de eTwinning e un botón despregable para cambiar o idioma.

Separadores

Desde esta páxina de inicio é posible acceder a unha serie de accións que estudaremos noutros apartados máis adiante:

  • Sección de axuda.
  • Xestión do perfil no TwinSpace.
  • Xestión de páxinas.
  • Xestión de materiais: imaxes, vídeos e documentos.
  • Xestión de foros.
  • Xestión de reunións en liña.
  • Xestión de membros.


Páxina inicial

Agora, imos prestar atención, de arriba abaixo na imaxe, ás seguintes funcións:

  • Personalizar o TwinSpace.
  • Publicar no Taboleiro de docentes.
  • Ver os membros en liña e acceder á mensaxería instantánea.
  • Publicar, dar "gústame" ou comentar en Últimas novidades, o Diario de proxecto.
  • Entrar á sala de chat.
  • Organizar unha reunión en liña.
  • Abrir un debate no foro.

Axuda

Na sección de Axuda atoparemos información moi útil sobre as distintas seccións do TwinSpace.

Aquí tamén están recollidas instrucións sobre o uso adecuado de imaxes, protección de datos, especificacións técnicas e de seguridade.

Perfil no TwinSpace

Editar o perfil (1)

O perfil recolle a información sobre ti que ve o resto de persoas que comparten contigo o TwinSpace do voso proxecto.

Esta páxina é distinta do perfil de eTwinning Live porque soamente é visible para os membros do teu proxecto.

Para modificar o teu perfil:

  • Pulsa na primeira icona na parte superior dereita.
  • Pulsa abaixo á esquerda en Modificar o perfil.
Editar o perfil (2)
  • Na pantalla que aparece poderás cambiar a imaxe e descrición do teu perfil de TwinSpace.

Os perfís no TwinSpace son de cinco tipos diferentes:

  • Docente administrador
  • Docente membro
  • Estudante administrador
  • Estudante
  • Visitante

Máis adiante, na sección de Membros, falaremos destes diferentes perfís.

Cada un destes perfís ten permisos diferentes. Neste artigo do portal nacional atoparás unhas táboas moi útiles que recollen esa información.

Páxinas

As páxinas do Twinspace permítennos publicar e facer visibles as tarefas e actividades que imos desenvolvendo no noso proxecto.

Nas páxinas podemos incluír:

  • Contidos: texto, imaxes e vídeos.
  • Un TwinBoard: un taboleiro interactivo para publicar texto e imaxes ou incrustar vídeos.
  • Unha enquisa: para sondar opinións sobre un tema en particular normalmente relacionado cos contidos da páxina.
  • Un debate: na parte inferior da páxina, podemos crear unha conversación e vinculala aos foros. Ao facelo, ábrese directamente unha conversación na área de foros do TwinSpace, que queda enlazada á páxina.


É posible cambiar a orde na que aparecen estes elementos na páxina. So temes que premer no lapis de edición da páxina superior. Na parte superior, debaixo do título da páxina, aparecera un recadriño onde podemos marcar "ordenar". Prememos no botón. Usando o cursor poderemos mover de lugar todos os elementos, agás o debate, que vai estar sempre na parte final.


Crear unha páxina

  • Na parte superior temos que premer en "páxinas". A continuación, máis abaixo á esquerda, temos que premer en "crear páxina". A imaxe recolle o aspecto dun proxecto novo, aínda sen páxinas creadas.
Proxecto sen páxinas
  • Abrirase entón unha xanela que nos pedirá o título da páxina que estamos a crear. Unha vez introducido, prememos en "enviar".
Páxina nova
  • No caso de que o noso TwinSpace xa teña páxinas creadas, o aspecto da xanela anterior será diferente. Imos ter a opción de crear esa páxina como subpáxina doutra xa creada. Premeríamos no despregable "engadir como subpáxina de", faríamos a nosa elección e, logo de poñer o título, premeríamos no botón de enviar. Esta opción é moi útil para mellorar a organización do TwinSpace.
Páxina filla


Xestión de páxinas

  • Unha vez creada unha páxina, non é posible borrala completamente. Se queremos que unha páxina deixe de aparecer no TwinSpace podémola arquivar.
  • Para arquivar unha páxina prememos sobre o lapis de edición. A continuación premeremos na icona da papeleira que aparece á dereita. Abrirase unha xanela que nos preguntará se queremos arquivar a páxina. Confirmamos.
  • Se arquivamos unha páxina por erro, hai que acceder ao espazo de «páxinas» e logo ás «páxinas arquivadas». Aparecerá o listado de todas as páxinas que teñen sido arquivadas. Prememos na páxina que queremos restaurar e veremos unha icona cunha frecha na páxina. Ao premer na icona abrirase unha xanela que nos preguntará se queremos restaurar a páxina. Este artigo do portal nacional explica detalladamente o proceso. Soamente as persoas con dereitos de administración poden ver as páxinas cando estean arquivadas.
Reorganizar páxinas
  • As páxinas creadas novas, ou ben as restauradas, aparecerán no último lugar do listado de páxinas. É posible cambiar a orde das páxinas e subpáxinas. Ao final do listado de páxinas aparece unha icona en forma de cruz, pulsamos nela. Aparecerá unha nova xanela que nos permite reordenar páxinas e subpáxinas. Arrastramos a páxina mantendo pulsado o cursor sobre o seu nome. Se a páxina ten subpáginas, non se poderá soltar como subpágina doutra. Primeiro haberá que mover todas as súas subpáginas, antes de colocala como subpágina doutra.


Visibilidade de páxinas

Visibilidade

Cando creamos unha páxina permanece como borrador e só podemos vela nos. Para que deixe de ser borrador:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor ata atopar á esquerda o bloque "quen pode ver esta páxina".
  • Eliximos entre que sexa privada, so para membros do Twinspace (por exemplo se contén imaxes do alumnado que preferimos que permanezan privadas) ou ben que se faga pública, co que sería visible para calquera coa ligazón ao noso Twinspace.
  • Tamén poderíamos preferir que esa páxina, por algún motivo, fose visible so para membros do Twinspace co perfil de administradores.
  • Marcamos a opción elixida e gardamos os cambios.


Permisos de edición de páxinas

Permisos de edición

Cando creamos unha páxina podemos decidir quen vai ter permiso para editala:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor ata atopar á esquerda o bloque "¿quen ten permiso para modificar esta páxina?".
  • Van aparecer premarcadas as opcións de administradores e profesores. Tendo en conta os contidos e a función desa páxina no noso proxecto, podemos decidir que poida ser editada tamén por estudantes-administradores, visitantes e alumnos.
  • Marcamos a opción elixida e gardamos os cambios.


Engadir contido a unha páxina

Engadir contidos
  • Seleccionamos a páxina coa que imos traballar.
  • Pulsamos no lateral dereito na icona do lapis.
  • Baixamos o cursor ata atopar á esquerda o bloque "engadir contido a esta páxina". Prememos na parte inferior do bloque.
  • Abrirase unha caixiña de edición. A páxina queda xa preparada para engadir contidos.
  • Podemos aplicar formato ao contido. Ao pasar o punteiro do rato polos botóns, aparecerá a descrición da ferramenta. Dispomos de vista previa de estilos de formato, estilos de parágrafo e tipos de letra.
  • Unha vez teñamos editada a páxina, hai que gardar premendo en "enviar"
  • Para posteriores edicións da páxina, haberá que premer no segundo lapis.
    Editar páxinas
  • Na caixa de edición é posible introducir texto con imaxes e ligazóns, todo á vez, simplemente facendo copiar e pegar.
  • Na páxina podemos introducir imaxes, vídeos, documentos,ligazóns, e iFrames. Os iFrames son códigos HTML que permiten inserir contidos interactivos externos.
  • Cando se fai pública unha páxina, é preciso asegurarse de que non se infrinxen os dereitos de autor de ningunha imaxe, vídeo, sonido nin documento da mesma.
  • Toda información de carácter persoal (como nomes, apelidos, dirección, imaxe, etc.) de estudantes que necesitemos recompilar para o proxecto debe xestionarse respectando o Regulamento Xeral de Protección de Datos da U.E.


Inserir unha imaxe nunha páxina

Inserir imaxes
  • Prememos na segunda icona na parte superior dereita.
  • Abrirase a sección de materiais correspondente a imaxes e álbums. Podemos seleccionar unha das imaxes. Máis adiante veremos como subir as imaxes a materiais.
  • Tamén é posible pulsar en "arrastrar imaxe aquí.Buscar" e poderemos facer unha procura de imaxes no noso computador.

´Pódense subir imaxes de ata 5MB.

  • No caso de imaxes de menores de idade, é preciso contar cos permisos de imaxe indicados pola normativa legal.


Inserir un vídeo nunha páxina

Inserir vídeos
  • Prememos na primeira icona na parte superior dereita.
  • Abrirase a sección de materiais correspondente a vídeos e carpetas. Podemos seleccionar un dos vídeos. Máis adiante veremos como subir os vídeos a materiais.
  • Unha vez teñamos seleccionado o vídeo, a aparencia da caixa de edición é a que aparece na imaxe, o vídeo non se verá ata non ter pulsado en "enviar", aínda que podemos ter unha vista previa pulsando en "vista preliminar"
    Vista preliminar


Inserir un documento nunha páxina

Inserir documentos
  • Prememos na terceira icona na parte superior dereita.
  • Abrirase a sección de materiais correspondente a documentos e carpetas. Podemos seleccionar un dos documentos. Máis adiante veremos como subir as imaxes a materiais.
  • Tamén é posible pulsar en "arrastrar arquivo aquí.Buscar" e poderemos facer unha procura de documentos no noso computador.
  • Cando se fai pública unha páxina, é preciso asegurarse de que se están a respectar os dereitos de autor.


Inserir elementos con iFrame nunha páxina

iFrame

Na sección de axuda do portal nacional atopamos instrucións para inserir: Google Docs, Google Slides, Google Forms, Padlet, Tricider, Thinglink. Estes son os pasos para inserir un vídeo de Animoto:

  • Prememos na cuarta icona na parte superior dereita. Esa icona con formo de globo é a icona de iFrame. Abrirase unha xanela que solicita a URL do elemento que queremos inserir.
  • Moitas das ferramentas facilitan códigos para inserilas. Estes códigos listos para usar poden non funcionar coa función de iFrame, pero hai unha forma de conseguir incrustar estas aplicacións web.
  • Se, por exemplo, temos elaborado unha presentación de imaxes coa ferramenta Animoto e queremos inserila nunha páxina, copiamos e pegamos o código completo nun documento de texto e logo basta con copiar o elemento «src» dese código e pegalo no espazo «SRC (URL)» do recadro para iFrame.
  • Temos aquí un exemplo de código completo que proporciona Animoto:
<iframe id="vp148tEq" title="Video Player" width="432" height="243" frameborder="0" src="https://s3.amazonaws.com/embed.animoto.com/play.html?w=swf/production/vp1&e=1568026314&f=48tEqAeOKLl9wqB1FX7BUQ&d=0&m=p&r=360p&volume=100&start_res=360p&i=m&asset_domain=s3-p.animoto.com&animoto_domain=animoto.com&options=" allowfullscreen></iframe>
  • Este sería o elemento «src» de ese código que teríamos que pegar no espazo «SRC (URL)» do editor:
https://s3.amazonaws.com/embed.animoto.com/play.html?w=swf/production/vp1&e=1568026314&f=48tEqAeOKLl9wqB1FX7BUQ&d=0&m=p&r=360p&volume=100&start_res=360p&i=m&asset_domain=s3-p.animoto.com&animoto_domain=animoto.com&options=
  • Marcamos os axustes necesarios de tamaño, permitir vista completa, etc. Pulsamos en "enviar" para gardar.
    Código src
  • Esta sería a aparencia da páxina coa ferramenta Animoto xa inserida.


Ferramenta externa


TwinBoard

Inserir TwinBoard

O TwinBoard é unha ferramenta recente do TwinSpace que nos fai lembrar ao Padlet. Trátase dun taboleiro interactivo que permite publicar distintos elementos como vídeos, imaxes ou outros documentos. Estes elementos incrustaranse no espazo indicado. Os pasos a seguir para engadir o TwinBoard con contidos á paxina son:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor ata atopar á esquerda o bloque "engadir un TwinBoard á páxina".
  • Pulsamos na parte inferior do bloque. Abrirase unha xanela de diálogo para introducir o título que queremos darlle ao TwinBoard.
  • Introducimos o título e prememos en "enviar" para gardar. Na parte superior dereita do TwinBoard temos unha icona dun lapis para poder volver editar o título e outra dunha papeleira que nos permite borralo.
    Editar o TwinBoard
  • Unha vez gardado o TwinBoard, aparece un botón verde "engadir elemento". Pulsamos no botón.
  • Ao pulsar no botón ábrese unha xanela que nos pedirá o título e unha descrición dese elemento que estamos a engadir ao TwinBoard. A continuación, poderemos elixir entre engadir un texto, unha imaxe, un arquivo, un vídeo ou unha ligazón a unha dirección web. Se eliximos engadir unha imaxe ou un arquivo, abrirase a sección correspondente de materiais, ben sexa de imaxes ou de documentos, e poderemos seleccionar entre os existentes ou ben facer unha procura no noso computador. No caso de querer engadir un vídeo teremos que introducir o código scr facendo a selección no código embed. Pulsamos en "gardar".
    Inserir elementos no TwinBoard
  • Este sería o aspecto dunha páxina á que lle teríamos engadido un TwinBoard con tres elementos: un vídeo e dúas ligazóns.


Páxina con TwinBoard


Enquisa

Inserir enquisas

A enquisa é outra das ferramentas recentes do TwinSpace. Podemos engadir unha enquisa á páxina con preguntas e respostas predefinidas. A función de enquisa pode facilitarnos a interacción entre o alumnado dos centros socios a propósito, por exemplo, da actividade, tarefa ou produto final vencellado a esa páxina.

Os pasos a seguir para engadir una enquisa á paxina son:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor ata atopar á esquerda o bloque "engadir unha enquisa á páxina".
  • Pulsamos na parte inferior do bloque. Abrirase un cadro de diálogo. Introducimos a pregunta. Haberá dúas casiñas para introducir respostas, pulsando no signo máis podemos introducir máis respostas e co signo menos podemos eliminalas. Pulsamos en "enviar" para gardar a enquisa.
    Contido da enquisa
  • Unha vez gardada, xa se pode votar. Marcamos a resposta e pulsamos en "votar". Pulsando o botón "ver resultados" poderemos facer un seguimento da enquisa. A icona do lapis nos permite volver editar a enquisa e a icona da papeleira eliminala.


Ver os resultados


Debate

Crear un debate

Na parte inferior da páxina, podemos crear un debate sobre un tema relacionado cos contidos da páxina. Ao facelo, ábrese directamente unha conversación na área de foros do TwinSpace, que queda enlazada á páxina.

  • Prememos no lapis de edición á dereita. Pulsamos no botón "abrir un debate".
  • Abrirase un cadro de diálogo. En primeiro lugar vainos aparecer o nome da páxina ao que quedará vinculado o debate na sección de foros. Introducimos o título do fío. Gardamos pulsando no botón "crear".
  • Unha vez gardado o debate, aparecerá un botón "ir ao debate". Se o pulsamos o sistema nos dirixe ao fío de conversación que temos aberto co debate. Arriba aparece a ligazón á páxina para poder voltar a ela.


Foro de debate


Materiais: imaxes, vídeos e documentos

Materiais no TwinSpace

Dende o menú da parte superior podemos acceder á sección de materiais. Esta sección do Twinspace permítenos subir imaxes, vídeos e documentos que logo podemos engadir como contido ás páxinas. Se editamos unha páxina e engadimos unha imaxe, vídeo ou documento, estes quedan automaticamente gardados en Materiais. Na sección de Materiais atopamos un buscador que nos permite unha procura rápida introducindo o nome do arquivo en cuestión.

Imaxes

  • Para acceder, prememos na parte superior na sección de materiais. Vainos aparecer directamente a sección de imaxes
  • Hai dúas seccións: unha cos álbums á esquerda, a outra coas imaxes á dereita. Para engadir unha imaxe, basta con arrastrala desde unha xanela do navegador do noso computador ou ben cargala pulsando no espazo onde se pode arrastrar a imaxe en cuestión.
  • Podemos subir imaxes de ata 5M. Este é un cambio recente, anteriormente só estaban permitidas imaxes de ata 2M.
  • Para unha óptima organización das imaxes en materiais podemos crear álbums. Para crear o álbum pulsamos no botón verde "Crear álbum de imaxes".
  • Unha vez que teñamos subida unha imaxe, podemos reordenala, eliminala ou modificala coas iconas que aparecen ao pasar o punteiro por encima. A icona da papeleira é para eliminar, o das fotos para incluila nun álbum determinado ou para cambiala a outro e o lapis para modificar o nome e a descrición.
  • Ao cargar unha imaxe, le atentamente a información do recadro amarelo encima da imaxe sobre os dereitos de autor.
  • Debemos asegurarnos de que as persoas que poidan aparecer nas imaxes prestaron consentimento expreso para que se utilice a súa imaxe. No caso de menores de idade, hai que contar coas autorizacións que fixa a normativa, respectando en todo caso o Regulamento Xeral de Protección de Datos da U. E.
  • Neste artigo do portal nacional atopamos instrucións detalladas para subir imaxes.


Vídeos

  • Para acceder, prememos na parte superior na sección de materiais. A continuación prememos no botón verde de vídeos.
  • Hai dúas seccións: unha coas carpetas á esquerda, a outra cos vídeos á dereita. Prememos en "engadir vídeo" e abrirase unha xanela que nos pedirá a ligazón do vídeo. Poñemos a ligazón e enviamos para gardar. É posible engadir vídeos de Daily motion, Vimeo e YouTube.
  • Do mesmo xeito que coa organización das imaxes, unha vez que teñamos subido un vídeo, podemos reordenalo, eliminalo ou modificalo coas iconas que aparecen ao pasar o punteiro por encima. A icona da papeleira é para eliminar, o das fotos para incluílo nunha carpeta determinada ou para cambialo a outra e o lapis para modificar o nome e a descrición.
  • Son de aplicación as consideracións sobre respecto de dereitos de autor e cumprimento de normativa sobre permisos de imaxes mencionadas no apartado anterior.


Documentos

  • Para acceder, prememos na parte superior na sección de materiais. A continuación prememos no botón verde de documentos.
  • Hai dúas seccións: unha coas carpetas á esquerda, e outra cos documentos á dereita. Para engadir un documento, basta con arrastralo desde unha xanela do navegador do noso computador ou ben cargalo facendo clic no espazo onde se pode arrastrar o documento en cuestión.
  • Podemos subir documentos de ata 20M. Se o arquivo que queremos subir non está permitido, podemos comprimilo a un arquivo de extensión ZIP ou RAR.
  • Do mesmo xeito que coa organización das imaxes e vídeos, unha vez que teñamos subido un documento, podemos reordenalo, eliminalo ou modificalo coas iconas que aparecen ao pasar o punteiro por encima. A icona da papeleira é para eliminar, o das fotos para inserilo nunha carpeta determinada ou para cambialo a outra e o lapis para modificar o nome e a descrición.

Foros

O foro é unha ferramenta moi útil e fácil de utilizar. Se no deseño das actividades do noso proxecto incluímos a participación en foros plantexados ad hoc, imos traballar dous dos criterios de calidade que se buscan nun proxecto eTwinning: a comunicación e interacción entre centros socios e a colaboración entre centros escolares asociados.

Os foros son visibles unicamente para os membros do TwinSpace. Incluso no caso dun TwinSpace con todas as páxinas públicas, os foros non poderán ser vistos por ninguén que non acceda ao TwinSpace con usuario e contrasinal.

Todos os membros do TwinSpace poden escribir unha mensaxe nos fíos do foro pulsando no botón correspondente. Podemos incluír fotos, vídeos ou arquivos. Só os administradores poden crear novos temas e fíos.

  • Para acceder, prememos na parte superior na sección de foros.
  • Unha vez accedemos á zona de foros, veremos todos os foros dispoñibles e os fíos de conversación de cada un, as discusións, xunto co número de intervencións que tiveron ata o momento. Na parte dereita aparecen as últimas intervencións de membros do Twinspace nas discusións e as nosas mensaxes en foros. É posible ordenar os foros existentes marcando a caixiña "ordenar" e arrastrando co rato o foro. Tamén é posible eliminar un foro usando a icona da papeleira e editar a súa descrición usando a icona do lapis. Para abrir un foro pulsamos no botón azul "abrir un debate" (Figura 32)
  • Ao pulsar en "abrir un debate" aparecerá a xanela da imaxe. Poñemos un título e unha breve descrición e gardamos pulsando en "enviar" (Figura 33)
  • Unha vez creado o debate, o seguinte paso é abrir unha conversación. Pulsamos no título do debate “Iníciate en eTwinning"”. (Figura 34)
  • Aparecerá esta xanela. Pulsamos en "Abrir unha conversación". Pulsamos nese botón.
  • Aparece entón un cadro no que hai que introducir o título da conversación e o texto que queiramos. Dispón dun menú de edición e tamén a posibilidade de incluír ligazóns, documentos, imaxes e vídeos. O botón verde á dereita permite engadir unha enquisa á conversación. Gardamos pulsando en "enviar". Aparece xa a conversación, na que non hai aínda intervencións. (Figura 35)
  • Para participar nos foros, basta con pulsar no título da conversación e engadir a intervención do usuario.
  • Unha vez que un usuario puxo unha mensaxe no foro, sobre esta mensaxe pódense executar estas accións para interactuar: Responder, citar, modificar e borrar. Se citamos unha das respostas dadas, a mensaxe copiarase literalmente sobre o editor e poderemos contestar ou facer comentarios sobre esa intervención en concreto escribindo o teu texto a continuación. Entenderase que as nosas palabras refírense a esa información en concreto. (Figura36)
  • Tamén é posible subscribirse ás conversacións de maneira individual. Deste xeito, se un usuario intervén, quen estea subscritos a esa conversación recibirán unha notificación.
  • Podemos modificar un foro ou mesmo arquivalo e volver activalo cando o creamos conveniente. Este artigo do portal nacional explica como arquivar un foro e como extraelo.

Reunións en liña

As reunións en liña que nos ofrece o Twinspace son de dous tipos: chat e videoconferencia. Estas dúas ferramentas favorecen a comunicación e interacción entre os participantes nun proxecto, ademáis de propiciar a colaboración entre centros asociados. Podemos usar a videoconferencia tanto para realizar actividades cos estudantes como para levar a cabo reunións en liña de docentes para coordinación e xestión do proxecto. (Figura 37) Por motivos de seguridade, ao alumnado unicamente estalle permitido o uso da sala de chat. Non poderá participar en reunións en liña con contas de estudantes, soamente poderán facelo, na contorna da clase, baixo supervisión do seu docente.

  • Chat:
    • Para acceder, prememos na parte superior na sección de reunións en liña.
    • Todos os membros dun TwinSpace poden acceder á sala de chat premendo na icona que aparece á esquerda "Entrar á sala de chat".
    • Cando teñan entrado mais persoas, poderemos participar en actividades en liña, debater e poñer ideas en común.
    • Calquera docente con funcións de administración pode acceder desde a sala de chat ao seu historial durante un período de tres meses .
  • Reunión en liña: videoconferencia:
    • As persoas con dereito de administración no TwinSpace poden organizar reunións dixitais con Adobe Connect.
    • Para acceder, prememos na parte superior na sección de reunións en liña.
    • Pulsamos no botón "Organizar unha reunión en liña"
    • Aparecerá unha xanela que nos pedirá: título da videoconferencia, breve descrición, número de participantes, duración e a data para a actividade. Pulsando no botón de procura podemos ver os horarios dispoñibles. Gardamos.
    • Unha vez que teñamos reservado unha sesión de reunión en liña mediante videoconferencia, aparecerá a ligazón de acceso para entrar na sala virtual na data e hora previstas.
    • Este artigo do portal nacional presenta máis información sobre o tema.
    • Segundo o navegador que utilicemos, a sala de videoconferencia abrirase nunha aplicación ou xanela externa, ou na mesma xanela do navegador. É necesario ter Adobe Flash instalado.
    • As sesións pódense gravar e almacenar durante tres meses, para que as persoas que pertencen ao proxecto poidan acceder ás mesmas. Se decidimos compartir a gravación co resto, deberiamos asegurarnos de que todas as persoas que participaron están de acordo. Este artigo do portal nacional explica o proceso a seguir.

Membros

No Twinspace temos tres tipos de membros: docentes, estudantes e visitantes.

  • Docentes:
    • Unha vez solicitado o proxecto, aparecerán como membros docentes os dous docentes fundadores. Estes poderán convidar desde eTwinning Live a outros docentes que pasarán a ser membros do proxecto.
    • Nun primeiro momento, por defecto, os dous docentes fundadores aparecen como administradores.
    • Dende a sección de Membros do Twinspace podemos dar o rol de administradores a outros membros docentes do proxecto. Pulsamos en Membros e aparecerán clasificados en docentes, estudantes e visitantes. Pulsamos en docentes e aparecerá o listado. Debaixo do nome do docente hai un despregable que nos permite darlle o rol de administrador.
    • No botón de cada docente podemos ver o seu nome e centro escolar, o seu rol (docente, docente-administrador), a súa última data de acceso ao Twinspace. (Figura 38)
    • O docente-administrador pode modificar e eliminar todo tipo de contidos e elementos. O docente soamente pode modificar ou eliminar contidos propios e dos seus estudantes.
  • Estudantes:
    • O docente de cada centro escolar convida ao seu alumnado desde o Twinspace.
    • Pulsamos na sección de Membros. Na parte central volvemos pulsar en "Convidar a membros", Aparecen tres botóns. Pulsamos no botón "Estudantes"
    • Aparece unha nova xanela. Atendemos a información sobre seguridade: "Ao convidar estudantes, primeiro hai que obter o seu consentimento, ou o da súa familia/titor/a. Asegúrache de non desvelar ningunha información sensible ou privada do teu estudante. Ao cargar fotos nas que apareza, primeiro hai que obter o seu consentimento, ou o da súa familia/titor/a. Recomendamos encarecidamente o uso de avatares: iconas ou imaxes para o perfil. Por favor, consulta nesta ligazón o resto de información sobre como e que se pode publicar. Por motivos de seguridade non é posible exportar e descargar os contrasinais de estudantes. Se se esquece, o ou a docente que o convidase pode restablecela".
    • Nesa nova xanela podemos convidar ou ben a estudantes que xa están noutros Twinspaces ou ben convidar a novos estudantes sen perfil previo nun Twinspace.
    • Para verificar se o estudante xa está inscrito nun Twinspace, introducimos o seu nome na caixiña "Estudantes doutros TwinSpaces" e pulsamos no botón de "verificar". No caso de que teñamos introducido o seu nome de usuario tal e como fora creado no seu día, o sistema o recoñecerá, apaarecerá o seu nome e nome de usuario. Poderemos, entón, introducir unha contrasinal para ese alumno, seleccionar a súa función como administrador ou como membro e pulsar en "Convidar" para que pase a formar parte do Twinspace. Podemos seguir buscando estudantes xa rexistrados pulsando no signo máis. (Figura 39)
    • Nesa mesma xanela podemos convidar a alumnado novo. Imos á parte dereita da xanela: "Estudantes novos" e introducimos nome e apelido nas caixiñas correspondentes. Pulsamos en "Verificar". O sistema creará un nome de usuario para o estudante. Engadimos un contrasinal. Eliximos no despregable a función como administrador ou como membro. Pulsamos en "Convidtar".
    • Podemos seguir convidando estudantes pulsando no signo máis.
    • É importante pedirlle aos estudantes que garden ben o seu usuario e contrasinal e gardalos tamén nós mesmos. No caso de perda, teremos que localizar ao estudante polo nome de usuario que lle fora asignado e introduciremos un novo contrasinal. (Figura 40)
    • Este artigo do portal nacional ten información sobre como convidar alumnado ao Twinspace.
  • Visitantes:
    • Podemos decidir invitar a alguén ao Twinspace: un membro da dirección do noso centro escolar, país ou nais do alumnado, algún colaborador do proxecto, etc.
    • Os perfís de visitante poden ver os contidos dun TwinSpace e soamente poderán modificar aquilo para o que se lles outorgue permiso.
    • Para convidar a visitantes pulsamos na sección de Membros. Na parte central volvemos pulsar en "Convidar a membros", Aparecen tres botóns. Pulsamos no botón "Persoas convidadas"
    • Aparece unha nova xanela. Do mesmo xeito que cando convidamos estudantes, o sistema permítenos verificar se esa persoa ten xa un peril noutro Twinspace, ou ben, de non ser o caso, introduciríamos nome e apelido, o sistema xeraría o usuario e nós introduciríamos o contrasinal. Logo, teríamos que proporcionarle ese usuario e contrasinal ao visitante para que acceda ao Twinspace.
    • Ao rematar o proxecto podemos decidir solicitar Selo de Calidade Nacional. Nese caso, crearemos un perfil de visitante para que o avaliador do proxecto poida acceder ao noso Twinspace.


Os docentes poden acceder ao Twinspace dende o eTwinning Live. Estudantes e visitantes, que non teñen un perfil en eTwinning, acceden directamente ao Twinspace.

Personalizar o TwinSpace

Na páxina de configuración, as persoas administradoras poden:

  • Modificar a imaxe do TwinSpace.
  • Cambiar o nome e a descrición do TwinSpace. Nota: isto non afectará ao nome do proxecto.
  • Elixir as cores do TwinSpace entre os tres temas posibles.

Para personalizar o Twinspace:

  • Accedemos á páxina de inicio
  • Na parte superior, debaixo do nome do proxecto, aparece unha icona con ferramentas. Pulsamos nesa icona.
  • Abrirase unha xanela que nos permitirá modificar o perfil do Twinspace. (Figura 41)

Taboleiro de docentes

O taboleiro de docentes é unha ferramenta que nos aparece na parte superior dereita dá páxina de inicio do Twinspace. Podemos utilizalo para coordinar e xestionar o proxecto. Como docentes, podemos utilizar este taboleiro para colgar notas visibles unicamente para docentes. Un docente administrador pode borrar calquera publicación.

  • Para facer unha publicación pulsaremos non botón "Publicar actualización".
  • Abrirase unha xanela para introducir texto. Publicamos pulsando en "Enviar" (Figura 42)

Twinmail

O TwinMail é o sistema de mensaxería de TwinSpace. Funciona igual que a mensaxería de eTwinning Live. Hai unha caixa de correos para todos os nosos TwinSpaces, o que nos permite enviar mensaxes a todas as persoas de todos os proxectos nos que participes dentro de TwinSpace.

  • Ao acceder a un dos nosos Twinspaces, atopamos o buzón na parte superior dereita. Pulsando nel chegamos a unha xanela coas bandeixas de entrada, saída e papeleira.
  • Para redactar unha mensaxe pulsamos no botón "Escribir unha mensaxe nova".
  • Na parte superiro hai un despregable que nos permite elexir: á dereita o nome do Twinspace, á esquerda o nome do membro do Twinspace a quen lle queremos enviar a mensaxe.

Mensaxería instantánea

Notificacións

Últimas novidades

Especificacións técnicas e de seguridade

  • Pódese acceder ao TwinSpace desde calquera navegador actualizado nos últimos dous anos ou máis recentemente. Non hai requisitos técnicos especiais. A complexidade e riqueza dalgunhas páxinas pode empobrecerse se se utiliza desde un dispositivo móbil.
  • O contido publicado nas páxinas queda restrinxido por defecto ás persoas que pertencen ao TwinSpace. Cando se fai pública unha páxina aparece unha ficha de información aos administradores coas consecuencias que esa visibilización da páxina pode conlevar. É importante ter en conta que as publicacións na listaxe de actualizacións da páxina de inicio (e os seus contidos incrustados) sempre son públicos.
  • Cando unha acción pode ter repercusións en materia de dereitos de autor e protección de datos, aparece unha mensaxe de aviso no Twinspace.
  • O contido incrustado en páxinas pode incluír tanto materiais subidos ao TwinSpace (documentos, imaxes, etc.) como outros contidos externos (vídeos, webs, aplicacións, etc. que se incrustan no seu iFrame correspondente). Unicamente poderase subir contido do TwinSpace cando teñamos declarado que temos dereito de autor e/ou permiso para utilizalo. O contido aloxado noutros servidores ─vídeos e iFrames─ queda suxeito aos dereitos de autor e copia dos servizos onde se atopen.
  • Os perfís de estudantes nunca son visibles de maneira pública. Os únicos datos que necesita manexar calquera estudante que participe no TwinSpace é un nome de usuario e un contrasinal, que establecerán os seus docentes. Evitaremos fomentar o uso de vías de comunicación persoais como parte do proxecto: contas de correos, whatsapp, etc

Máis información

Fontes


Licenza

Por Marcos Vence Ruibal e Carmen Fernández Vázquez (Embaixada eTwinning Galicia) a partir dunha obra de Javier Ramos Sancha e Julián Sánz Mamolar (INTEF).

Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0