TwinSpace

De Formación - eTwinning Galicia
Revisión feita o 7 de marzo de 2021 ás 12:37 por Carmen (Conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)


Introdución

A plataforma eTwinning organízase en tres niveis distintos, de forma case idéntica a un centro escolar. Este tres niveis caracterízanse polas ferramentas e polas posibilidades que ofrecen, así como polo tipo de acceso e privacidade. De forma esquemática, son:

  • Os portais nacional e europeo www.etwinning.es e www.etwinning.net. Son de acceso público, como o edificio dun centro. Calquera pode entrar e ver a información que proporcionan. Neles, podemos consultar datos de participación, noticias, proxectos destacados, axuda e contacto.
  • eTwinning Live live.etwinning.net: a sala de profes de eTwinning. Un espazo de acceso privado, no que só hai docentes. É o lugar onde podemos contactar e coñecer outros colegas, participar en actividades de desenvolvemento profesional e intercambiar ideas. Terás acceso a el en canto te rexistres en eTwinning.
  • TwinSpace twinspace.etwinning.net: é a aula virtual onde docentes e estudantes se reúnen para traballar nun proxecto concreto (compartir información, desenvolver actividades conxuntas e finalmente, publicar os resultados). Créase un TwinSpace para cada proxecto existente, así que non poderás acceder a el até rexistrares o primeiro proxecto. É unha contorna segura de acceso restrinxido: só poden entrar aquelas persoas (profes, estudantes, visitantes) convidadas directamente polo profesorado e só se van mostrar os contidos que decidan publicar.

A continuación, presentamos unha serie de tutoriais breves sobre moitas das funcionalidades e ferramentas do TwinSpace. Podes lelos todos ou acudir a eles conforme os precisares. Tamén tes á túa disposición todos os artigos publicados polo Servizo Nacional de Apoio sobre o TwinSpace.


Páxina de inicio do TwinSpace

Cambio de idioma

A páxina inicial do TwinSpace contén información básica e actualizacións do proxecto, que se van rexistrando automaticamente.

Na parte superior atopamos, de esquerda a dereita, unha icona que nos permite o acceso directo a outras seccións de eTwinning e unha lista despregable para cambiar o idioma da interface temporalmente.

Separadores

Desde esta páxina de inicio é posible acceder a unha serie de accións que veremos noutros apartados máis adiante:

  • Sección de axuda.
  • Xestión do perfil no TwinSpace.
  • Xestión de páxinas.
  • Xestión de materiais: imaxes, vídeos e documentos.
  • Xestión de foros.
  • Xestión de reunións en liña.
  • Xestión de membros.


Páxina inicial

Agora, imos prestar atención, de arriba abaixo na ilustración "Páxina inicial", ás seguintes funcións:

  • Personalizar o TwinSpace.
  • Publicar no Taboleiro de docentes.
  • Ver os membros en liña e acceder á mensaxería instantánea.
  • Publicar, marcar "gústame" ou comentar en Últimas novidades no Diario de proxecto.
  • Entrar na sala de chat.
  • Organizar unha reunión en liña.
  • Debater nos foros.


Axuda

Na sección de Axuda atoparemos información moi útil sobre as distintas seccións do TwinSpace.

Tamén recolle instrucións sobre o uso adecuado de imaxes, protección de datos, especificacións técnicas e de seguridade.


Perfil no TwinSpace

Editar o perfil (1)

O perfil amosa información sobre ti que ve o resto de persoas (profesorado, alumnado, visitantes) que comparten contigo o TwinSpace dun proxecto.

Esta páxina é distinta do perfil de eTwinning Live porque soamente é visible para os membros dos teus proxectos.

Para modificar o teu perfil:

  • Preme na primeira icona na parte superior dereita.
  • Preme abaixo á esquerda en Modificar o perfil.
Editar o perfil (2)
  • Na pantalla que aparece, poderás cambiar a imaxe e descrición do teu perfil de TwinSpace.

Os perfís no TwinSpace son de cinco tipos diferentes:

  • Docente administrador
  • Docente membro
  • Estudante administrador
  • Estudante
  • Visitante

Cada un destes perfís ten permisos diferentes. Neste artigo do portal nacional atoparás unhas táboas moi útiles que recollen esa información. Máis adiante, na sección de Membros, tamén falaremos destes diferentes tipos de perfís.


Páxinas

As páxinas do Twinspace permítennos publicar e facer visibles as tarefas e actividades que imos desenvolvendo no noso proxecto.

Nelas, podemos incluír:

  • Contidos: texto, imaxes e vídeos.
  • Un TwinBoard: un taboleiro interactivo para publicar texto e imaxes ou embeber vídeos.
  • Unha enquisa: para sondar opinións sobre un tema en particular normalmente relacionado cos contidos da páxina.
  • Un debate: na parte inferior da páxina, podemos crear unha conversación e vinculala aos foros. Ao facelo, ábrese directamente un fío de conversa na área de foros do TwinSpace, que queda enlazado á páxina.


É posible cambiar a orde na que aparecen estes elementos na páxina. Só temos que premer no lapis de edición da páxina superior dereita. Debaixo do título da páxina, aparecera un recadriño onde podemos marcar "ordenar". Prememos no botón e usando o cursor poderemos mover de lugar todos os elementos, agás o debate, que vai estar sempre no final.


Crear unha páxina

Proxecto sen páxinas
  • No menú superior escollemos "Páxinas". A continuación, máis abaixo á esquerda, temos que premer en "crear páxina". A ilustración "Proxecto sen páxinas", recolle o aspecto dun proxecto novo, aínda sen páxinas creadas.
  • Abrirase entón unha xanela que nos pedirá o título da páxina que estamos a crear. Unha vez inserido, prememos en "enviar".
Páxina nova
  • No caso de que o noso TwinSpace xa teña páxinas creadas, o aspecto da xanela anterior será diferente. Temos a opción de crear esa páxina como subpáxina doutra xa creada. Para iso, prememos no despregable "engadir como subpáxina de", facemos a nosa elección e, logo de poñer o título, prememos no botón de enviar. Esta opción é moi útil para mellorar a organización do TwinSpace.
Páxina filla


Xestión de páxinas

  • Unha vez creada unha páxina, non é posible eliminala completamente. Se queremos que unha páxina deixe de aparecer no TwinSpace podémola arquivar.
  • Para arquivar unha páxina prememos sobre o lapis de edición. A continuación, na icona da papeleira que aparece á dereita. Ábrese unha xanela que nos pregunta se queremos arquivar a páxina. Confirmamos.
  • Se arquivamos unha páxina por erro, hai que acceder ao espazo de «páxinas» e logo ás «páxinas arquivadas». Aparecerá o listado de todas as páxinas que foron arquivadas. Escollemos a páxina que queremos restaurar e veremos unha icona cunha frecha na páxina. Ao premer nela, abrirase unha xanela que nos preguntará se queremos restaurar a páxina. Este artigo do portal nacional explica detalladamente o proceso. Soamente as persoas con dereitos de administración poden ver as páxinas cando estean arquivadas.
Reorganizar páxinas
  • As páxinas creadas novas, ou ben as restauradas, aparecerán no último lugar do listado de páxinas. É posible cambiar a orde das páxinas e subpáxinas. Ao final do listado de páxinas aparece unha icona en forma de cruz, prememos nela. Aparecerá unha nova xanela que nos permite reordenar páxinas e subpáxinas. Arrastramos a páxina mantendo pulsado o cursor sobre o seu nome. Se a páxina ten subpáxinas, non se poderá soltar como subpáxina doutra. Primeiro haberá que mover todas as súas subpáxinas, antes de colocala como subpáxina doutra.


Visibilidade de páxinas

Visibilidade

Cando creamos unha páxina permanece como borrador e só podemos vela nós. Para que deixe de ser borrador:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor até atopar á esquerda o bloque "quen pode ver esta páxina".
  • Eliximos entre que sexa privada, só para membros do TwinSpace (por exemplo se contén imaxes do alumnado que preferimos que permanezan privadas) ou ben que se faga pública, co que sería visible para calquera coa ligazón ao noso TwinSpace.
  • Tamén poderíamos preferir que esa páxina, por algún motivo, fose visible só para membros do TwinSpace co perfil de administradores.
  • Marcamos a opción elixida e gardamos os cambios.


Permisos de edición de páxinas

Permisos de edición

Cando creamos unha páxina podemos decidir quen vai ter permiso para editala:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor até atopar á esquerda o bloque "Quen ten permiso para modificar esta páxina?".
  • Van aparecer premarcadas as opcións de administradores e profesores. Tendo en conta os contidos e a función desa páxina no noso proxecto, podemos decidir que poida ser editada tamén por estudantes-administradores, visitantes e alumnado.
  • Marcamos a opción elixida e gardamos os cambios.


Engadir contido a unha páxina

Engadir contidos
  • Seleccionamos a páxina coa que imos traballar.
  • Prememos no lateral dereito na icona do lapis.
  • Baixamos o cursor ata atopar á esquerda o bloque "engadir contido a esta páxina". Prememos na parte inferior do bloque.
  • Abrirase unha caixiña de edición. A páxina queda xa preparada para engadir contidos.
  • Podemos aplicar formato ao contido. Ao pasar o punteiro do rato polos botóns, aparecerá a descrición da ferramenta. Dispomos de vista previa de estilos de formato, estilos de parágrafo e tipos de letra.
  • Unha vez teñamos editada a páxina, hai que gardar premendo en "enviar".
  • Para posteriores edicións da páxina, haberá que premer no segundo lapis.
    Editar páxinas
  • Na caixa de edición é posible introducir texto con imaxes e ligazóns, todo á vez, simplemente facendo copiar e pegar.
  • Na páxina podemos introducir imaxes, vídeos, documentos, ligazóns e iFrames. Os iFrames son códigos HTML que permiten inserir contidos interactivos externos.
  • Cando se fai pública unha páxina, é preciso asegurarse de que non se infrinxen os dereitos de autor de ningunha imaxe, vídeo, son nin documento incluídos na mesma.
  • Toda información de carácter persoal (como nomes, apelidos, dirección, imaxe, etc.) de estudantes que necesitemos recompilar para o proxecto debe xestionarse respectando o Regulamento Xeral de Protección de Datos da U.E.


Inserir unha imaxe nunha páxina

Inserir imaxes
  • Prememos na segunda icona na parte superior dereita.
  • Abrirase a sección de materiais correspondente a imaxes e álbums. Podemos seleccionar unha das imaxes. Máis adiante veremos como subir as imaxes a materiais.
  • Tamén é posible premer en "arrastrar imaxe aquí" e poderemos facer unha procura de imaxes no noso computador.
  • Pódense subir imaxes de até 5MB.
  • No caso de imaxes de menores de idade, é preciso contar cos permisos de imaxe indicados pola normativa legal.


Inserir un vídeo nunha páxina

Inserir vídeos
  • Prememos na primeira icona na parte superior dereita.
  • Abrirase a sección de materiais correspondente a vídeos e carpetas. Podemos seleccionar un dos vídeos. Máis adiante veremos como subir os vídeos a materiais.
  • Unha vez teñamos seleccionado o vídeo, a aparencia da caixa de edición é a da ilustración "Inserir vídeos". O vídeo non se verá até premer en "enviar", aínda que podemos ter unha vista previa facendo clic en "vista preliminar".
    Vista preliminar


Inserir un documento nunha páxina

Inserir documentos
  • Prememos na terceira icona na parte superior dereita.
  • Abrirase a sección de materiais correspondente a documentos e carpetas. Podemos seleccionar un dos documentos. Máis adiante veremos como subir as imaxes a materiais.
  • Tamén é posible premer en "arrastrar arquivo aquí" e poderemos facer unha procura de documentos no noso computador.
  • Cando se fai pública unha páxina, é preciso asegurarse de que se están a respectar os dereitos de autor.


Inserir elementos con iFrame nunha páxina

Tricider 1/3
Tricider 2/3
Tricider 3/3

Na sección de axuda do portal nacional atopamos instrucións para inserir: Google Docs, Google Slides, Google Forms, Padlet, Tricider e Thinglink.

Estes son os pasos para inserir unha enquisa de Tricider:

  • Despois de crear o Tricison, clicamos no botón Share and Invite.
  • Copiamos o link amosado na xanela.
  • No TwinSpace, prememos na cuarta icona na parte superior dereita. Esa icona con formo de globo é a icona de iFrame. Abrirase unha xanela que solicita a URL do elemento que queremos inserir. Pegamos o link copiado no punto anterior (tendo en conta que hai que cambiar o http: por https:) e marcamos os tres checkbox.

Tricider cambiou de configuración nos últimos anos. Unha solución alternativa á anterior que funcionou nalgún momento (e pode funcionar de novo no futuro) era colocar en src https://www.tricider.com/embed/?show=YYY onde YYY é a serie de números e letras coa que finaliza o enderezo do noso tricision.


Estes son os pasos para inserir un vídeo de Animoto:

  • Prememos na cuarta icona con formo de globo a de iFrame.
  • Moitas das ferramentas facilitan códigos para inserilas. Estes códigos listos para usar poden non funcionar coa función de iFrame, pero hai unha forma de conseguir incrustar estas aplicacións web.
  • Se, por exemplo, temos elaborado unha presentación de imaxes coa ferramenta Animoto e queremos inserila nunha páxina, copiamos e pegamos o código completo nun documento de texto e despois basta con copiar o elemento «src» dese código e pegalo no espazo «SRC (URL)» do recadro para iFrame.
  • Temos aquí un exemplo de código completo que proporciona Animoto:
<iframe id="vp148tEq" title="Video Player" width="432" height="243" frameborder="0" src="https://s3.amazonaws.com/embed.animoto.com/play.html?w=swf/production/vp1&e=1568026314&f=48tEqAeOKLl9wqB1FX7BUQ&d=0&m=p&r=360p&volume=100&start_res=360p&i=m&asset_domain=s3-p.animoto.com&animoto_domain=animoto.com&options=" allowfullscreen></iframe>
  • Este sería o elemento «src» de ese código que teríamos que pegar no espazo «SRC (URL)» do editor:
https://s3.amazonaws.com/embed.animoto.com/play.html?w=swf/production/vp1&e=1568026314&f=48tEqAeOKLl9wqB1FX7BUQ&d=0&m=p&r=360p&volume=100&start_res=360p&i=m&asset_domain=s3-p.animoto.com&animoto_domain=animoto.com&options=
  • Marcamos os axustes necesarios de tamaño, permitir vista completa, etc. Prememos en "enviar" para gardar.
    Código src
  • Na ilustración "Ferramenta externa" podemos ver a aparencia da páxina coa ferramenta Animoto xa inserida.


Ferramenta externa

TwinBoard

Inserir TwinBoard

O TwinBoard é unha ferramenta recente do TwinSpace que nos fai lembrar ao Padlet. Trátase dun taboleiro interactivo que permite publicar distintos elementos como vídeos, imaxes ou outros documentos. Estes elementos incrustaranse no espazo indicado. Os pasos a seguir para engadir o TwinBoard con contidos á paxina son:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor até atopar á esquerda o bloque "engadir un TwinBoard á páxina".
  • Facemos clic na parte inferior do bloque. Abrirase unha xanela de diálogo para introducir o título do novo TwinBoard.
  • Escribimos o título e prememos en "enviar" para gardar. Na parte superior dereita do TwinBoard temos dúas icona: un lapis para poder volver editar o título e unha papeleira que nos permite eliminalo.
    Editar o TwinBoard
  • Unha vez gardado o TwinBoard, aparece un botón verde "engadir elemento". Prememos no botón.
  • Ábrese unha xanela que nos pedirá o título e unha descrición dese elemento que estamos a engadir ao TwinBoard. A continuación, poderemos elixir entre engadir un texto, unha imaxe, un arquivo, un vídeo ou unha ligazón a unha dirección web. Se eliximos engadir unha imaxe ou un arquivo, abrirase a sección correspondente de materiais, ben sexa de imaxes ou de documentos e poderemos seleccionar entre os existentes ou ben facer unha procura no noso computador. No caso de querer engadir un vídeo teremos que introducir o código scr facendo a selección no código embed. Facemos clic en "gardar".
    Inserir elementos no TwinBoard
  • A ilustración "Páxina con TwinBoard" sería o aspecto final dun TwinBoard con tres elementos: un vídeo e dúas ligazóns.


Páxina con TwinBoard


Enquisa

Inserir enquisas

A enquisa é outra das ferramentas recentes do TwinSpace. Podemos engadir unha enquisa á páxina con preguntas e respostas predefinidas. Esta función pode facilitarnos a interacción entre o alumnado dos centros socios a propósito da actividade, tarefa ou produto final vencellado a esa páxina.

Os pasos a seguir para engadir una enquisa á paxina son:

  • Prememos no lapis de edición á dereita.
  • Baixamos o cursor ata atopar á esquerda o bloque "engadir unha enquisa á páxina".
  • Facemos clic na parte inferior do bloque. Abrirase un cadro de diálogo. Escribimos a pregunta. Haberá dúas caixas de texto para introducir respostas, facendo clic no signo máis podemos introducir máis respostas e co signo menos podemos eliminalas. Prememos en "enviar" para gardar a enquisa.
    Contido da enquisa
  • Unha vez gardada, xa se pode votar. Marcamos a resposta e facemos clic en "votar". No botón "ver resultados" poderemos facer un seguimento da enquisa. A icona do lapis nos permite volver editar a enquisa e a icona da papeleira, eliminala.


Ver os resultados


Debate

Crear un debate

Na parte inferior da páxina, podemos crear un debate sobre un tema relacionado cos contidos da páxina. Ao facelo, ábrese directamente unha conversa na área de foros do TwinSpace, que queda enlazada á páxina.

  • Prememos no lapis de edición á dereita. Facemos clic en "abrir un debate".
  • Abrirase un cadro de diálogo. En primeiro lugar vainos aparecer o nome da páxina ao que quedará vinculado o debate na sección de foros. Escribimos o título do fío. Gardamos premendo no botón "crear".
  • Unha vez gardado o debate, aparecerá un botón "ir ao debate". Se facemos clic nel, o sistema nos dirixe ao fío de conversa correspondente. Arriba aparece a ligazón á páxina para poder voltar a ela.


Foro de debate


Materiais: imaxes, vídeos e documentos

Materiais no TwinSpace

Dende o menú da parte superior podemos acceder á sección de materiais. Esta sección do TwinSpace permítenos subir imaxes, vídeos e documentos que logo podemos engadir como contido ás páxinas.

Se editamos unha páxina e engadimos unha imaxe, vídeo ou documento, estes quedan automaticamente gardados en Materiais. Na sección de Materiais atopamos un buscador que nos permite unha procura rápida introducindo o nome do arquivo en cuestión.


Imaxes

  • Accedemos no menú superior, na sección de materiais. Vainos aparecer directamente a sección de imaxes.
  • A xanela está dividida en dúas partes: unha cos álbums á esquerda, a outra coas imaxes á dereita. Para engadir unha imaxe, basta con arrastrala desde unha xanela do navegador do noso computador ou ben cargala premendo na ligazón "Buscar".
  • Podemos subir imaxes de até 5M. Este é un cambio recente, anteriormente só estaban permitidas imaxes de até 2M.
  • Para unha óptima organización das imaxes podemos crear álbums. Para iso, facemos clic no botón verde "Crear álbum de imaxes".
  • Unha vez que teñamos subida unha imaxe, podemos reordenala, eliminala ou modificala coas iconas que aparecen ao pasar o punteiro por enrima. A icona da papeleira é para eliminar, o das fotos para incluíla nun álbum determinado ou para cambiala a outro e o lapis para modificar o nome e a descrición.
  • Ao cargar unha imaxe, le atentamente a información do recadro amarelo encima da imaxe sobre os dereitos de autor.
  • Debemos asegurarnos de que as persoas que poidan aparecer nas imaxes prestaron consentimento expreso para que se utilice a súa imaxe. No caso de menores de idade, hai que contar coas autorizacións que fixa a normativa, respectando en todo caso o Regulamento Xeral de Protección de Datos da U. E.
  • Neste artigo do portal nacional atopamos instrucións detalladas para subir imaxes.


Vídeos

  • Para acceder, prememos na parte superior na sección de materiais. A continuación prememos no botón verde de vídeos.
  • Hai dúas seccións: unha coas carpetas á esquerda, a outra cos vídeos á dereita. Prememos en "engadir vídeo" e abrirase unha xanela que nos pedirá a ligazón do vídeo. Poñemos a ligazón e enviamos para gardar. É posible engadir vídeos de Daily motion, Vimeo e YouTube.
  • Do mesmo xeito que coa organización das imaxes, unha vez que teñamos subido un vídeo, podemos reordenalo, eliminalo ou modificalo coas iconas que aparecen ao pasar o punteiro por enrima. A icona da papeleira é para eliminar, o das fotos para incluílo nunha carpeta determinada ou para cambialo a outra e o lapis para modificar o nome e a descrición.
  • Son de aplicación as consideracións sobre respecto de dereitos de autor e cumprimento de normativa sobre permisos de imaxes mencionadas no apartado anterior.


Documentos

  • Para acceder, prememos no menú superior, na sección de materiais. A continuación prememos no botón verde de documentos.
  • Amosa dúas seccións: unha coas carpetas á esquerda, e outra cos documentos á dereita. Para engadir un documento, basta con arrastralo desde unha xanela do navegador do noso computador ou ben cargalo facendo clic na ligazón "Buscar".
  • Podemos subir documentos de até 20M. Se o arquivo que queremos subir non está permitido, podemos comprimilo a un arquivo de extensión ZIP ou RAR.
  • Do mesmo xeito que coa organización das imaxes e vídeos, unha vez que teñamos subido un documento, podemos reordenalo, eliminalo ou modificalo coas iconas que aparecen ao pasar o punteiro por encima. A icona da papeleira é para eliminar, o das fotos para inserilo nunha carpeta determinada ou para cambialo a outra e o lapis para modificar o nome e a descrición.


Foros

O foro é unha ferramenta moi útil e fácil de utilizar. Se no deseño das actividades do noso proxecto incluímos a participación en foros plantexados ad hoc, imos traballar dous dos criterios de calidade que se buscan nun proxecto eTwinning: a comunicación e interacción entre centros socios e a colaboración entre centros escolares asociados.

Os foros son visibles unicamente para os membros do TwinSpace. Incluso no caso dun TwinSpace con todas as páxinas públicas, os foros non poderán ser vistos por ninguén que non acceda ao TwinSpace con usuario e contrasinal.

Todos os membros do TwinSpace poden escribir unha mensaxe nos fíos do foro premendo no botón correspondente. Podemos incluír fotos, vídeos ou arquivos. Só os administradores poden crear novos temas e fíos.

  • Para acceder, prememos na parte superior na sección de foros.
Foros
  • Unha vez accedemos á zona de foros, veremos todos os foros dispoñibles e os fíos de conversa de cada un, as discusións, xunto co número de intervencións que tiveron até o momento. Na zona da dereita aparecen as últimas intervencións de membros do TwinSpace nas discusións e as nosas mensaxes en foros. É posible ordenar os foros existentes marcando a opción "ordenar" e arrastrando o foro co rato. Tamén é posible eliminar un foro usando a icona da papeleira e editar a súa descrición usando a do lapis. Para abrir un foro prememos no botón azul "abrir un debate".
Novo foro
  • Ao facer clic en "abrir un debate" aparecerá a xanela da ilustración. Poñemos un título e unha breve descrición e gardamos premendo en "enviar".
Novo fío de conversa
  • Unha vez creado o debate, o seguinte paso é abrir unha conversa. Facemos clic no título do debate “Iníciate en eTwinning"”.
  • Aparecerá a xanela da imaxe "Novo fío de conversa". Prememos en "Abrir unha conversa" e no botón azul creado, co nome do fío.
Fío iniciado
  • Aparece entón un cadro no que hai que escribir o título da conversa e a súa descrición ou instrucións para o alumnado. Dispón dun menú de edición e tamén a posibilidade de incluír ligazóns, documentos, imaxes e vídeos. O botón verde á dereita permite engadir unha enquisa á conversación. Gardamos facendo clic en "enviar". Aparece xa a conversa, na que non hai aínda intervencións.
  • Para participar nos foros, basta con facer clic no título da conversa e engadir a intervención do usuario.
  • Unha vez que un usuario publicou unha mensaxe no foro, sobre esta mensaxe pódense executar estas accións para interactuar: responder, citar, modificar e eliminar. Se citamos unha das respostas dadas, a mensaxe copiarase literalmente sobre o editor e poderemos contestar ou facer comentarios sobre esa intervención en concreto escribindo o noso texto a continuación. Entenderase que as nosas palabras refírense a esa información en concreto.
  • Tamén é posible subscribirse ás conversas de maneira individual. Deste xeito, se un usuario intervén, quen estea subscrito a esa conversa recibirá unha mensaxe.
  • Podemos modificar un foro ou mesmo arquivalo e volver activalo cando o creamos conveniente. Este artigo do portal nacional explica como arquivar un foro e como extraelo.


Interacción no fío


Reunións en liña

Reunións

As reunións en liña que nos ofrece o TwinSpace son de dous tipos: chat e videoconferencia. Estas dúas ferramentas favorecen a comunicación e interacción entre os participantes nun proxecto, ademais de propiciar a colaboración entre centros asociados. Podemos usar a videoconferencia tanto para realizar actividades cos estudantes como para levar a cabo reunións en liña de docentes para coordinación e xestión do proxecto. Por motivos de seguridade, ao alumnado unicamente estalle permitido o uso da sala de chat. Non poderá participar en reunións en liña con contas de estudantes, soamente poderán facelo, na contorna da clase, baixo supervisión do seu docente.

  • Chat:
    • Para acceder, prememos na parte superior na sección de reunións en liña.
    • Todos os membros dun TwinSpace poden acceder á sala de chat premendo na icona que aparece á esquerda "Entrar á sala de chat".
    • Cando teñan entrado mais persoas, poderemos participar en actividades en liña, debater e poñer ideas en común.
    • Calquera docente con funcións de administración pode acceder desde a sala de chat ao seu historial durante un período de tres meses .
  • Reunión en liña: videoconferencia:
    • As persoas con dereito de administración no TwinSpace poden organizar reunións dixitais con Adobe Connect.
    • Para acceder, prememos na parte superior na sección de reunións en liña.
    • Prememos no botón "Organizar unha reunión en liña"
    • Aparecerá unha xanela que nos pedirá: título da videoconferencia, breve descrición, número de participantes, duración e a data para a actividade. Facendo clic no botón de procura podemos ver os horarios dispoñibles. Gardamos.
    • Unha vez que teñamos reservado unha sesión de reunión en liña mediante videoconferencia, aparecerá a ligazón de acceso para entrar na sala virtual na data e hora previstas.
    • Este artigo do portal nacional presenta máis información sobre o tema.
    • Segundo o navegador que utilicemos, a sala de videoconferencia abrirase nunha aplicación ou xanela externa, ou na mesma xanela do navegador. É necesario ter Adobe Flash instalado.
    • As sesións pódense gravar e almacenar durante tres meses, para que as persoas que pertencen ao proxecto poidan acceder ás mesmas. Se decidimos compartir a gravación co resto, deberiamos asegurarnos de que todas as persoas que participaron están de acordo. Este artigo do portal nacional explica o proceso a seguir.


Membros

No Twinspace temos tres tipos de membros: docentes, estudantes e visitantes.


Cambiar o rol a docentes
  • Docentes:
    • Unha vez solicitado o proxecto no Live, aparecerán como membros unicamente as dúas persoas que o inscribiron (fundadoras). Estas poderán convidar desde eTwinning Live a outros/as profes que tamén pasarán a ser membros do proxecto.
    • Nun primeiro momento, por defecto, as fundadoras son as únicas co rol de administración tanto no Live como no TwinSpace.
    • Dende a sección de Membros do TwinSpace podemos dar permisos de administración a outros/as membros docentes do proxecto. Facemos clic en Membros e aparecerán clasificados en tres grupos: docentes, estudantes e visitantes. Se escollemos docentes, veremos o listado correspondente. Debaixo do nome de cada docente hai un despregable que nos permite concederlle o rol de administración.
    • No botón de cada docente podemos ver o seu nome e centro escolar, o seu rol (docente, docente-administrador), a súa última data de acceso ao TwinSpace.
    • As contas "docente-administrador" poden modificar e eliminar todo tipo de contidos e elementos. As de "docente" soamente pode modificar ou eliminar contidos propios e dos seus estudantes.
    • Por último, tamén é posible convidar directamente ao TwinSpace dun proxecto a profes de países que non están en eTwinning e non poden inscribirse no Live.


Reutilizar contas de estudantes existentes
Crear contas de estudantes
  • Estudantes:
    • O docente de cada centro escolar convida a seu alumnado desde o TwinSpace.
    • Entramos na sección de Membros. Na parte central volvemos premer en "Convidar membros", Aparecen tres botóns. Facemos clic en "Estudantes".
    • Aparece unha nova xanela. Atendemos a información sobre seguridade: "Ao convidar estudantes, primeiro hai que obter o seu consentimento, ou o da súa familia/titor/a. Asegúrache de non desvelar ningunha información sensible ou privada do teu estudante. Ao cargar fotos nas que apareza, primeiro hai que obter o seu consentimento, ou o da súa familia. Recoméndase o uso de avatares: iconas ou imaxes para o perfil. Por favor, consulta nesta ligazón o resto de información sobre como e que se pode publicar. Por motivos de seguridade non é posible exportar e descargar os contrasinais de estudantes. Se se esquece, o ou a docente que o convidou pode restablecela".
    • Nesa nova xanela podemos convidar ou ben a estudantes que xa están noutros TwinSpaces ou ben convidar a novos estudantes sen perfil previo nun TwinSpace.
    • Para verificar se o estudante xa está inscrito nun TwinSpace, introducimos o seu nome de usuario no cadro de texto "Estudantes doutros TwinSpaces" e prememos no botón de "verificar". No caso de que teñamos introducido o seu nome de usuario tal e como fora creado no seu día, o sistema recoñecerao, aparecerá o seu nome, nome de usuario e contrasinal oculto. Seleccionamos a súa función (administrador ou membro) e facemos clic en "Convidar" para que pase a formar parte do TwinSpace. Podemos seguir buscando estudantes xa rexistrados premendo no signo máis.
    • Nesa mesma xanela podemos convidar a alumnado novo. Na parte dereita da xanela, "Estudantes novos", introducimos nome e apelido nos cadros de texto correspondentes. Facemos clic en "Verificar". O sistema creará un nome de usuario para o estudante. Engadimos un contrasinal. Eliximos no despregable a función como administrador ou como membro e facemos clic en "Convidar".
    • Podemos seguir convidando estudantes premendo no signo máis.
    • É importante pedirlle aos estudantes que garden ben o seu usuario e contrasinal e gardalos tamén nós mesmos. No caso de perda, teremos que localizar ao estudante polo nome de usuario que lle fora asignado e introduciremos un novo contrasinal.
    • Este artigo do portal nacional ten información sobre como convidar alumnado ao TwinSpace.


  • Visitantes:
    • Podemos decidir invitar a alguén ao TwinSpace: un membro da dirección do noso centro escolar, da inspección, familiares do alumnado, colaboradores do proxecto, etc.
    • Os perfís de visitante poden ver os contidos dun TwinSpace e soamente poderán modificar aquilo para o que se lles outorgue permiso.
    • Para convidar visitantes entramos na sección de Membros. Na parte central volvemos premer en "Convidar membros", Aparecen tres botóns. Facemos clic en "Persoas convidadas".
    • Aparece unha nova xanela. Do mesmo xeito que cando convidamos estudantes, o sistema permítenos verificar se esa persoa ten xa un perfil noutro TwinSpace, ou ben, de non ser o caso, introduciríamos nome e apelido, o sistema xeraría o usuario e nós introduciríamos o contrasinal. Logo, teríamos que proporcionarlle ese usuario e contrasinal ao visitante para que acceda ao TwinSpace.
    • Ao rematar o proxecto podemos decidir solicitar Selo de Calidade Nacional. Nese caso, crearemos un perfil de visitante para que o avaliador do proxecto poida acceder ao noso TwinSpace.


Docentes, estudantes e visitantes poden acceder ao TwinSpace directamente: twinspace.etwinning.net

Porén, os únicos que poden acceder ao eTwinning Live, son os/as docentes: live.etwinning.net e desde alí, tamén poden acceder ao TwinSpace..


Personalizar o TwinSpace

Editar a información básica do TwinSpace

Na páxina de configuración, as persoas administradoras poden:

  • Modificar a imaxe que representa o proxecto no TwinSpace.
  • Cambiar o nome e a descrición do proxecto no TwinSpace. Nota: isto non afectará ao nome do proxecto.
  • Elixir as cores do TwinSpace entre os tres temas posibles, para un proxecto concreto.


Para personalizar o TwinSpace:

  • Accedemos á páxina de inicio.
  • Na parte superior, debaixo do nome do proxecto, aparece unha icona con ferramentas. Prememos nela.
  • Abrirase unha xanela que nos permitirá modificar o perfil do TwinSpace.


Taboleiro de docentes

Taboleiro de docentes

O taboleiro de docentes é unha ferramenta situada na parte superior dereita dá páxina de inicio do TwinSpace. Podemos utilizalo para coordinar e xestionar o proxecto. Podemos utilizar este taboleiro para colgar notas visibles unicamente para profes. Cunha conta do tipo "docente-administrador" podemos eliminar calquera destas publicacións.

  • Para crear unha publicación prememos en "Publicar actualización".
  • Abrirase unha xanela para introducir texto. Publicamos premendo en "Enviar".


TwinMail

Correo interno do TwinSpace

O TwinMail é o sistema de mensaxería de TwinSpace. Funciona igual que a mensaxaría interna de eTwinning Live, pero tamén sirve para comunicarnos co alumnado participante no proxecto.

Hai unha caixa de correos para todos os nosos TwinSpaces, o que nos permite enviar mensaxes a todas as persoas participantes en todos os proxectos.

  • Ao acceder a un dos nosos TwinSpaces, atopamos a caixa do correo na parte superior dereita. Facendo clic nela, chegamos a unha xanela coas caixas de entrada, saída e papeleira.
  • Para redactar unha mensaxe prememos no botón "Escribir unha mensaxe nova".
  • Na parte superior hai un despregable que nos permite elixir: á dereita o nome do TwinSpace, á esquerda o nome do membro do TwinSpace a quen lle queremos enviar a mensaxe.


Mensaxería instantánea

A mensaxería instantánea é unha nova función do TwinSpace. Permite a dous membros do mesmo TwinSpace, que estean en liña ao mesmo tempo, intercambiar mensaxes privadas.

  • Na páxina de inicio, vamos ao cadro de membros en liña, situado na esquina inferior dereita.
  • Premendo nese cadro aparece o listado de membros nese momento en liña. (Ese listado pode amosar en liña a un membro que non o está, se non pechou a súa sesión).
  • Cando facemos clic enriba do nome do usuario co que queremos falar, o seu nome aparecerá en verde e abrirase unha caixa de edición para iniciar a mensaxaría instantánea.
  • Por razóns de seguridade, as mensaxes non se gardarán e no momento en que naveguemos ou saiamos da páxina, o historial do chat eliminarase.
  • Este artigo do portal nacional contén máis información sobre a mensaxaría instantánea.


Notificacións

Configuración das notificacións

Se non imos acceder ao TwinSpace a diario e queremos estar ao tanto do que vai ocorrendo, podemos configurar as notificacións:

  • Accedemos ao noso perfil e prememos no botón "Xestión de avisos", na columna lateral esquerda, ao final.
  • Seleccionamos no despregable as distintas opcións, marcando a información que nos gustaría recibir ben no noso correo electrónico propio ou ben por mensaxe na área de notificacións.
  • Se eliximos recibir notificacións no TwinSpace, chegarán os avisos á campaíña da parte superior dereita na páxina de inicio do TwinSpace.


Últimas novidades

A páxina de inicio do TwinSpace presenta información e as actualizacións do proxecto, tanto das actividades como dos membros do TwinSpace, que o sistema vai rexistrando automaticamente. Todo isto recóllese na ferramenta de publicacións de últimas novidades (tamén chamado Diario do proxecto) debaixo do botón "Publicar algo".

Dada a importancia de documentar o desenvolvemento proxecto, é recomendable usar a sección de últimas novidades a modo de Diario de proxecto. Deste xeito, converteríase nunha ferramenta de colaboración entre centros socios.

Teríamos un espazo para recoller os feitos máis destacados da vida do proxecto. Se nas publicacións participan todos os socios escribindo entradas e comentando as do resto de socios, xérase unha interacción entre todos os membros que contribuirá ao éxito do proxecto. Así mesmo, estas publicacións dos socios, ordenadas cronoloxicamente, permiten aos visitantes do TwinSpace seguir o desenvolvemento do proxecto de forma sinxela e ordenada, o que facilita a súa comprensión e avaliación continua.

Diario do proxecto

As accións posibles son:

  • Publicar un texto, ligazóns, imaxes e vídeos.
  • Reaccionar a unha publicación indicando que nos gusta, e/ou comentando.
  • Destacar unha publicación cunha chincheta (se as destacamos, permanecen ao principio da listaxe)

A sección de Últimas novidades do Twinspace é sempre pública por defecto. Polo tanto:

  • Respectaremos a normativa sobre publicación de datos e imaxes así como os dereitos de autor.
  • Aproveitaremos o seu potencial para a difusión do noso proxecto.

Este artigo do portal nacional contén máis información sobre o tema.


Especificacións técnicas e de seguridade

  • Podemos acceder ao TwinSpace desde calquera navegador actualizado nos últimos dous anos. Non hai requisitos técnicos especiais. A complexidade e riqueza dalgunhas páxinas pode empobrecerse se se utiliza desde un dispositivo móbil.
  • O contido publicado nas páxinas queda restrinxido por defecto ás persoas que pertencen ao TwinSpace. Cando facemos pública unha páxina aparece unha ficha de información aos administradores coas consecuencias que esa visibilización da páxina pode implicar. É importante ter en conta que os artigos da listaxe de actualizacións na páxina de inicio (e os seus contidos incrustados) sempre son públicos.
  • Cando unha acción pode ter repercusións en materia de dereitos de autor e protección de datos, aparece unha mensaxe de aviso no TwinSpace.
  • O contido incrustado en páxinas pode incluír tanto materiais subidos ao TwinSpace (documentos, imaxes, etc.) como outros contidos externos (vídeos, webs, aplicacións, etc. que se incrustan no seu iFrame correspondente). Unicamente poderemos publicar contidos no TwinSpace se son libres de dereitos, Creative Commons ou, se teñen copyright, cando teñamos permiso explícito do autor ou autora. O contido aloxado noutros servidores (vídeos e iFrames) queda suxeito aos dereitos de autor e copia dos servizos onde se atopen.
  • Os perfís de estudantes nunca son visibles de maneira pública. Os únicos datos que necesita manexar calquera estudante que participe no TwinSpace é un nome de usuario e un contrasinal, que establecerán os seus docentes. Evitaremos fomentar o uso de vías de comunicación persoais como parte do proxecto entre o alumnado menor de idade: correo electrónico, WhatsApp, etc


Máis información

Fontes


Licenza

Por Marcos Vence Ruibal e Carmen Fernández Vázquez (Embaixada eTwinning Galicia) a partir dunha obra de Javier Ramos Sancha e Julián Sánz Mamolar (INTEF).

Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0